Por Galicia Confidencial | Allariz | 19/10/2025 | Actualizada ás 11:00
O Concello de Allariz vén de presentar, con María López, concelleira de Promoción Económica, e Eva Sampedro, técnica de Promoción Económica, o programa do Allariz de Medo 2025 que se desenvolverá do 31 de outubro ata o domingo 2 de novembro. Durante eses días, refiren dende o concello, "as rúas de Allariz converteranse nun escenario máxico e misterioso grazas a un percorrido con diferentes escenas nas que ánimas, esqueletos e druídas farán que, durante tres días, o mundo dos mortos conviva co dos vivos".
As ambientacións poderanse descubrir en varias localizacións: rúa do Portelo, Praza de Santo Estevo, rúa da Cruz, rúa do Pozo, Praza Maior, Atrio de Santiago, Praza de Abaixo e Praza do Matadoiro. Todo isto creará un ambiente único e envolvente que acompañará a veciñanza e visitantes durante esa fin de semana.
PROGRAMA
O venres 31 de outubro, de 19:00 a 21:00 horas, no Museo Galego do Xoguete celebrarase a actividade “Algo pasou no Museo do Xoguete”, un xogo de pistas no que tanto maiores coma pequenos deberán descubrir que é o que aconteceu no museo.
Ás 20:30 horas, a Santa Compaña chega un ano máis da man de Silvardeiras Teatro, percorrendo Allariz desde a Praza Maior cunha representación inspirada na lenda da Santa Compaña que a fai tan especial. Xa pola noite, a partir das 23:30 horas, Discomóbil Apocalipsis animará a Praza Maior cunha sesión musical especial para celebrar a Noite de Defuntos.
O sábado 1 de novembro repetirase a actividade “Algo pasou no Museo do Xoguete”, de 19:00 a 21:00 horas, de balde e dirixida ao público familiar. Ás 20:00 horas, na Fundación Vicente Risco, proxectarase o documental “A Luz das Ánimas”, unha actividade que se realiza en colaboración coa Fundación Vicente Risco e coa produtora Lembrame.gal. Este primeiro documental sobre o fenómeno dos Petos de Ánimas, dirixido por Sergio Santos Otero, incluirá un espazo para coloquio ao final, permitindo á audiencia compartir impresións e preguntas.
Ás 20:30 horas terá lugar unha nova saída da Santa Compaña, de novo da man de Silvardeiras Teatro, percorrendo as rúas de Allariz e enchendo o espazo de misterio e solemnidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.