Comezan as obras "irreversibles" en San Pedro de Rocas para "facilitar" o turismo masivo

Deron comezo a poucos días de celebrarse o xuízo e a pesares de que o mosteiro está protexido polas figuras BIC Paisaxe Cultural Ribeira Sacra e BIC San Pedro de Rocas.

Por Galicia Confidencial | OURENSE | 26/02/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Nin a máxima protección legal da que goza San Pedro de Rocas nin o feito de que o proxecto de estrada na contorna do mosteiro esté xudicializado impediron que o pasado xoves comezaran a executar os traballos. Técnicos e técnicas da Deputación de Ourense, da empresa construtora OPAÍN S.L., e técnicos arqueólogos e de medioambiente da empresa Xeitura Xestión Integral do Patrimonio acudiron a iniciar as obras que ameazan ao mosteiro máis visitado da Ribeira Sacra.

Denuncian o proxecto ilegal, inxusto e irreversible, en San Pedro de Rocas.
Denuncian o proxecto ilegal, inxusto e irreversible, en San Pedro de Rocas.

"A inmensidade da paisaxe e vexetación facía reducir a escala do equipo e unha ínfima parte, evidenciando a inxustiza do proxecto", valoran dende a Fundación Moreiras, cuxa presenza no lugar xunto coa da Garda Civil o 23 de febreiro obrigou a retrasar o comezo das obras. Obras que se producen a escasos días de que se inicie o xuízo. "Temos dereito as persoas para decidir un destino fatal sobre este lugar único e máxico na nosa historia e memoria cultural de Galicia? Quen nos capacita para decidir que podemos destruír un lugar que é herdado dos nosos devanceiros?", pregúntanse.

A Fundación Moreiras San Pedro de Rocas reproba o inicio das obras incidindo en que o mosteiro está protexido polas figuras BIC Paisaxe Cultural Ribeira Sacra e BIC San Pedro de Rocas, apuntando que ditas figuras protexen "o coto íntegro" do mosteiro "a través de numerosas leis". "A súa transformación ou modificación é ilegal, inxusta, irreversible, e vulnera o interese público e social", censuran.  Ademais de "innnecesaria", pois lembran que o tránsito de autobuses leva sucedéndose sen inconvintes dende hai máis de dúas décadas. 

A Fundación Moreiras, entidade de ámbito estatal e de interese público, sérvese das investigacións realizadas polo equipo do proxecto 'Petra Sacra' para poñer en valor a realidade material do lugar. Así, destacan que eses traballos descubriron elementos "únicos" na Península Ibérica dende o Neolítico e "que podían tamén ser arroiados por obras realizadas nos últimos anos debido ao descoñecemento", a pesares de que están protexidos desde 1985 a través da Lei de Patrimonio Histórico Español.

As obras  de ampliación da OU-509 Esgos- Luintra, no complexo rupestre de San Pedro de Rocas, lembran dende a Fundación Moreiras, suporán tallar máis de medio cento de árbores de entre  50 e 75 anos e diversas especies. Tamén se verá afectado o leito hidrográfico definitorio da paisaxe do mosteiro, voarán 5.000 m2 de chan arqueolóxico, dinamitarán chan xeolóxico protexido, demolerán muros históricos do antigo mosteiro e destruirán o trazado do camiño histórico medieval e a súa topografía, tal e como apuntaban dende SOS Ourense.

"Esta obra evidencia como a Deputación Provincial de Ourense non ten en conta a protección desta Paisaxe Natural e Cultural, antepoñendo o obxectivo de 'facilitar' a chegada masiva de turismo ao milenario complexo rupestre de San Pedro de Rocas", lamentan dende a Fundación Moreiras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta