Chan pegañento, teito de cristal: como a fenda nos coidados lastra a vida laboral das mulleres

O factor causal das desigualdades de xénero no mercado laboral está nas desigualdades de xénero no reparto dos tempos e dos traballos nos fogares. Apuntar o maioritario "absentismo dos homes nos coidados" e repensar os modelos de emprego son claves para alcanzar a igualdade.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

É fácil ver imaxes nas televisións ou fotografías nos xornais de reunións de altos directivos ou persoas con postos de responsabilidade onde as mulleres están en clara minoría ou directamente desaparecidas. Trátase da cara máis gráfica do chamado teito de cristal, esas limitacións veladas ao ascenso laboral das mulleres dentro das organizacións onde están empregadas. Romper con el conforma unha das reivindicacións máis repetidas por parte do movemento feminista 8M tras 8M.

40º aniversario da Confederación de Empresarios de Galicia
40º aniversario da Confederación de Empresarios de Galicia | Fonte: EFE

Tan só o 32% dos postos de dirección e xerencia son ocupados por mulleres, e unicamente o 2,5% da poboación feminina con traballos remunerados está neles. A isto súmase que nos órganos de dirección das empresas do IBEX-35, as mulleres só representan o 25,4% dos postos. As dinámicas repítense nas administracións públicas: por exemplo, a porcentaxe de alcaldesas en Galicia a 2022 non alcanza sequera o 20%. No caso das universidades galegas, as diferenzas de xénero tamén se van agrandando a medida que aumenta a categoría laboral, de xeito que as catedráticas só ocupan un 25,3% dos postos, mentres que no profesorado titular elas representan o 42%, e no profesorado axudante superan o 53%. 

No eido científico emprégase o termo 'gráfico das tesoiras' para explicar precisamente estas desigualdades. Águeda Gómez, socióloga e directora da Cátedra de Feminismos 4.0 e da Unidade de Igualdade da UVigo, indica que as mulleres teñen de media mellores expedientes e inician fases de investigación doutoral e postdoutoral en maior medida ca os homes, pero a presenza delas dá a volta nun momento determinado: cando deciden ser nais. "De repente, nós desaparecemos e os homes repuntan ata o cumio da carreira académica", explica.

OS PRECIPIOS DE CRISTAL

Esta é a norma. Pero como toda norma, ten tamén a súa excepción, que vén para confirmala: son os denominados acantilados ou precipicios de cristal. Este concepto explica a tendencia a fomentar liderados femininos en contextos de crise e desastre, onde as posibilidades de fracaso son moito maiores. "Cando hai un batacazo electoral ou un contexto de gran incerteza no sector empresarial, permítese en certa medida romper eses teitos de cristal e promover que as mulleres, como salvadoras, xestionen a saída da crise", explica a economista e profesora na UDC e na Universidade de Valencia, Carmen Castro.

Unha muller pasea unha persoa maior pola rúa
Unha muller pasea unha persoa maior pola rúa | Fonte: EFE

Trátase de "liderados en falso" ou "mecanismos trampa" que enraízan no sistema da cultura patriarcal. Deste xeito, detrás deles atópase esa "socialización diferenciada que nos leva a pensar que as mulleres estamos máis entrenadas para traballar en circunstancias adversas, para practicar a empatía e para aceptar sacrificios económicos", indica Castro. Este fenómeno dáse a nivel empresarial ou tamén no eido da política, onde atopamos exemplos de mulleres que romperon o teito de cristal en situacións moi complexas: pode ser o caso de Inés Arrimadas, que tivo que asumir a xestión dun gran fracaso electoral en Ciudadanos; ou o caso de Yolanda Díaz, que se puxo ao mando de Unidas Podemos ao tempo que executa as tarefas dun dos Ministerios con maior responsabilidade, o de Traballo.

O CHAN PEGAÑENTO

Á par que o teito de cristal opera outra figura máis: o que se coñece como chan pegañento, un fenómeno que "atrapa" as mulleres en empregos máis fortemente precarizados: traballos de coidados, limpeza, hostalaría, sanidade, educación... Isto ten que ver cun "imaxinario simbólico que asigna menor valor aos traballos máis feminizados", explica Carmen Castro, que engade que, consecuentemente, as mulleres incorporadas ao traballo remunerado estano en sectores con peores salarios e atópanse máis expostas á vulnerabilidade e á incerteza no mercado laboral. Isto reforza outro indicador: as fendas salariais de xénero. 

Se ben o teito de cristal impacta nun menor número de mulleres (unha de cada tres, segundo explica Castro) polas propias xerarquías, estoutro fenómeno ten unha afectación máis maioritaria. O colectivo das kellys (camareiras de hotel) ou o sector do traballo doméstico remunerado, en clara situación de precariedade, son exemplos do impacto destes chans que funcionan a modo de imán.

A RAÍZ DESTAS DESIGUALDADES

Poñer nome a estes feitos é importante para analizar como fenómenos sociais aquilo que de primeiras poderían parecer anécdotas. Serve para mostrar as desigualdades, neste caso de xénero e no ámbito laboral. Onde nacen, entón, estes teitos de cristal, precipicios de cristal e chans pegañentos? "Na vixencia do sistema de estereotipos e roles de xénero que derivan dese proceso de aprendizaxe social tradicional baseado no sistema sexo-xénero", explica Castro, polo cal os traballos de coidados no fogar recaen sobre as mulleres. 

"De todos os indicadores que temos de desigualdade económica baseados no sistema de división sexual do traballo, a desigualdade provocada pola fenda nos coidados é determinante para o resto de fendas: salarial, taxa de actividade, incorporación ao mercado… Por iso para resolver as desiguadades no ambito laboral temos que ir ao factor causal: as desigualdades no reparto dos tempos e dos traballos nos fogares", engade. 

Esta fenda de xénero nos coidados incrementou o seu impacto a raíz da pandemia da Covid, onde as mulleres solicitaron máis reducións de xornada ca os homes. "No eido da investigación científica, eles aumentaron un 50% a súa produtividade e as mulleres diminuímola un 50%. Porque tiñas que traballar ás catro da mañá cando a casa durmía, coidar as crianzas, os teus maiores dependentes, facer a compra para a túa nai... Os traballos esenciais son maioritariamente femininos", explica a socióloga Águeda Gómez a conta dos resultados dun estudo desenvolvido pola Universidade de Vigo. "A pandemia puido ser o momento ideal para o reparto equitativo, pero o patriarcado resiste". 

A desigualdade de responsabilidades asumidas nas casas penaliza as mulleres no mercado laboral, que tenden a acceder a aqueles postos que lles permitan seguir atendendo o traballo non remunerado dos fogares e coidados. As condicións de entrada para elas son máis precarias e as posibilidades de promoción moito menores. O dato detrás desta realidade é que preto do 80% do traballo a tempo parcial é desempeñado por mulleres, e tamén elas acumulan maior taxa de temporalidade. No caso galego cobran 5.000 euros menos de media ca os homes, segundo CC.OO.

En concreto cos teitos de cristal, Águeda Gómez apunta tamén ao simbólico, ademais do material. "Ademais de que ás veces as decisións que se toman sobre certos cargos quedan nas cuadrillas de homes, as mulleres podemos sufrir a chamada síndrome da impostora que fai que nos autocensuremos. Funcionan inconscienciemente estereotipos sexistas polos que ti mesma proxectas na figura masculina máis seguridade. Tamén é certo que asumir un cargo de maior responsabilidade implica para nós unha maior autoexplotación ou unha exposición pública a ataques e críticas máis grande". 

Esta segregación vertical e divisións de xénero no traballo son claras no ámbito das carreiras STEM, onde as taxas de matriculación feminina seguen "moi baixas". "A nosa presenza debe ser fundamental porque son os postos do futuro, os que modelarán o novo mundo", expón a socióloga. De feito, a falta de mulleres na construción dos algoritmos desta nova arquitectura xa trae consecuencias: "As apps de recoñecemento facial teñen máis dificultades con nós que con eles. Nun caso de busca de emprego, o entrenamento do algoritmo fai que a un perfil feminino lle ofreza máis traballos de administración, secretaría, e a un perfil masculino postos mellor remunerados. Amazon tivo que mudar o algoritmo porque estaba reproducindo estas desigualdades". 

COMO CAMBIAR ESTA REALIDADE?

"Temos que empezar a falar do absentismo nos coidados que practican os homes. Igual que no ámbito laboral hai absentismo laboral e está regulado, aquí precisamos estratexias de corresponsabilidade que os interpelen a eles", sinala Castro. Neste sentido, apela a reorientar as políticas públicas para dotalas dunha maior "capacidade xenerotransformativa", isto é, que teñan capacidade para cambiar o sistema de división sexual do traballo.

Regular os mecanismos que atrapan as mulleres nas "múltiples xornadas" implica tamén poñer o foco no teletraballo. "Esta fórmula vai vir moi ben no sentido da sostibilidade ecolóxica e pode dar flexibilidade para organizar os tempos da vida, pero se non vai acompañada dunha estratexia de corresponsabilidade que incida na mudanza de comportamentos dos homes, será unha trampa para as mulleres". Nesta mudanza, Castro tamén interpela as empresas para que "asuman a súa parte de responsabilidade en propiciar un cambio dos idearios de reparto tradicional dos traballos". 

Todo isto debera vir acompañado de "políticas educativas baseadas na igualdade e no enfoque coeducativo", continúa. Águeda Gómez engade, ademais, a necesidade de tratar os coidados e a conciliación como unha "cuestión de Estado e non só das familias nucleares", posición desde a que articular servizos públicos que atendan as necesidades da vida cotiá. "As administracións deben facilitar axudas para que todo este traballo non caia nas costas da saúde, malestar e empobrecemento das mulleres".

Tanto Carmen Castro como Águeda Gómez apuntan a necesidade dun cambio moito máis profundo, a nivel estrutural e integral. "Non se trata só de promover que haxa máis mulleres en postos de responsabilidade, trátase de mudar as bases de funcionamento do sistema. Precisamos saír deste marco do estándar 8-8-8 de xornada circular, non ten sentido. Temos que pensar modelos de traballo remunerados que sexan máis integradores coas necesidades da vida. Hai plantexamentos moi interesantes para levar á practica que falan da urxencia de facer unha redución drástica de tempos no traballo remunerado. Hai que buscar garantir un chan social que permita condicións de vida axeitadas e dignas que non dependan completamente da incorporación ao mercado de traballo". 

Todo isto ten que ver, xa que logo, con redefinir o que é aceptable para as condicións de vida, o reparto dos tempos, a corresponsabilidade de todos os axentes... En definitiva, con outro modelo de políticas que permitan que a vida non se reduza ao traballo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta