A Europa das liberdades

Os 27 Estados da Unión Europea (UE) partillan tamén uns valores xurídicos comúns, alicerzados nunha concepción comunitarista dos dereitos humanos contida na Convención Europea dos Dereitos Humanos (CEDH-1950), interpretada pola abondosa xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) de Strasbourg e que constitúe a máxima instancia xudicial no eido dos dereitos das persoas, por riba dos Tribunais dos Estados Membros todos e da propia UE. A devandita Convención reforzouse coa moito máis recente Carta de Dereitos Fundamentais da UE ( 2010), que rexe na UE e nos seus 27 Estados Membros.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 14/03/2022

Comparte esta noticia

O artigo 11 da devandita Carta de dereitos da UE recoñece a liberdade de expresión, considerada como a liberdade de opinión e de recebir e comunicar información sen inmisións das autoridades públicas nin consideración de fronteiras. Tamén integra este dereito a liberdade e pluralismo dos medios de comunicación. Todo ilo no marco dun sistema baseado na presunción de inocencia e na protección xudicial efectiva destes dereitos por xuices independentes aos que poden acceder as persoas todas e non só as que fan parte da cidadanía europea.

Vladimir Putin
Vladimir Putin | Fonte: temposgalegos

Velaí as regras de xogo da Unión Europea. E velaí que a Presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen ou o seu Vicepresidente e responsábel da súa política exterior., Josep Borrell, non poidan apelar á prohibición das canles rusas Russia Today e Sputnik co Dereito europeo na mán, malia que si acadasen parcialmente este efecto por mor da exclusión das mesmas na oferta dalgunhas plataformas de TV privadas e das redes sociais Facebook, Instagram e Tik Tok.

Arredor desta cuestión sucede o que sucedeu tamén na crise pandémica con novas que diferían de certa uniformidade de discurso a respecto das medidas sanitarias e de vacinamento, até o extremo que cuestionarmos os efectos positivos do pasaporte Covid semellaba para moitas persoas profesar o negacionismo máis revirado. O que pasou tamén nos medios do Estado español coa ilegalización do abertzalismo vasco ou, moito máis recentemente, co procès catalán.

Russia Today e Sputnik poden ser media propiedade dun Estado agresor e de seguro están a contar a realidade dun xeito deturpado, actividade na que por desgraza teñen parceiros en moitos sitios. Mais emiten consonte coas nosas regras de xogo. Rusia ven de expulsar indirectamente centos de xornalistas occidentais ao lexislar penas de cárcere para a emisión de novas falsas. De verdade queremos seguer ese camiño? Queremos actuar como o réxime autoritario de Putin, como a ditadura chinesa, como as monarquías represivas e feudais saudi e dos emiratos do Golfo? Semella que Borrell e outros malos políticos europeos  si. E contra esta tendencia, que mesmo pode ser mainstream co tempo, habemos de loitar.  Como loitamos contra a agresión rusa e pola paz.

Porque o único xeito europeo de trunfar contra a agresión rusa, como o único xeito europeo de garantir a loita contra a pandemia é o que se alicerza sobre as liberdades e as garantías democráticas. Se rachamos esta regra rachamos os nosos valores, o noo espirito, a nosa democracia.              

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.