A receita do BNG contra a crise: fixar os prezos da gasolina e baixar temporalmente impostos

Ana Pontón reclama que se faga valer a Lei da cadea alimentaria, aprobada polo Goberno pero sen efectos, de acordo co denunciado polos gandeiros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2022 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este mércores unha serie de medidas para paliar a "escalada" de prezos, entre as cales propuxo fixar prezos en determinados produtos, reducir peaxes e rebaixar temporalmente impostos. Concretamente, e tras desprazarse a unha gasolineira de forma simbólica ante a situación de inflación, a líder nacionalista reclamou que se prohiba a venda a perdas no sector primario, tal e como se recolle na Lei de cadea alimentaria. Tamén pediu a compra pública de pensos para garantir un abastecemento a prezos "razoables".

O BNG quere que se fixe un prezo máximo para a electricidade no sector primario, axudas extraordinarias ao sector gandeiro e pesqueiro a través do que se coñece como axudas de mínimis, ás que non se superan os 200.000 euros, e que poidan ser en forma de subvencións, préstamos ou deducións.

Tamén reclaman manter as bonificacións ao combustible da frota pesqueira, garantir por parte do Estado o prezo dos hidrocarburos no límite que existía antes da escalada de prezos e rebaixar temporalmente os impostos aos carburantes, distinguindo entre consumo doméstico e profesional.

No paquete de propostas, tamén se atopan reducir peaxes en todas as autoestradas galegas, actuar "de inmediato" sobre o mercado enerxético, "poñendo fin aos beneficios caídos do ceo". Finalmente Pontón volveu a esixir a tarifa eléctrica galega, para "compensar" a Galicia por ser produtora de electricidade.

Ana Pontón (BNG) intervén na sesión de control. BNG
Ana Pontón (BNG) intervén na sesión de control. BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta