Cese de produción, EREs e desabastecemento de augas minerais pola folga do transporte

As plantas envasadoras están ao límite da súa capacidade de almacenamento, sen subministración de materias primas.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 17/03/2022 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (AGAMIN) denuncia a gravidade da situación que está a provocar a folga de transportes no funcionamento da industria. Desde as empresas do sector, comunicáronse as diferentes incidencias ante a ausencia duns servizos mínimos que garantan que se vaia dando saída a parte da mercadoría que se atopa almacenada nas diferentes plantas envasadoras. 

Subministración de auga.. VIAQUA
Subministración de auga.. VIAQUA

A folga está a pór nunha situación moi complicada á industria envasadora, que podería parar a produción ante a imposibilidade de dar saída aos produtos. Isto leva, á súa vez, que se estean a producir os primeiros problemas de abastecemento nos mercados. Así, as consecuencias da folga de transportes "poderían obrigar a moitas empresas a iniciar expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), xa que se está a ver seriamente afectada a súa capacidade de produción, ata o punto de ter que decidir parala", indica a entidade nun comunicado. 

O xerente da Asociación, Benigno Amor, amosa a súa inquedanza ante a situación que están a atravesar as empresas do sector. “Solicitamos que, desde a Delegación do Goberno en Galicia, trasladen a nosa preocupación aos Ministerios de Agricultura, Interior e Transportes para que traten de alcanzar unha solución urxente cos convocantes desta folga, para evitar desabastecementos dos mercados e que nos vexamos obrigados a paralizar a actividade da nosa industria”.  

250 POSTOS DE TRABALLO DIRECTOS E 300 INDIRECTOS

A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural creouse no ano 2011 para defender os intereses sectoriais, fomentar a mellora das empresas, a realización de accións formativas e de mellora ambiental e, en particular, para a promoción do sector das augas minerais naturais de Galicia. Xunto á Asociación de Balnearios de Galicia constitúen o Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia.

AGAMIN está integrada por un total de 6 empresas de auga mineral natural. Da provincia de Lugo están representadas Aguas de Cospeito, situada no concello de Cospeito; e Fontecelta, en Sarria. Da provincia de Ourense están Cabreiroá e Aguas de Sousas, ámbalas dúas en Verín. E na provincia de Pontevedra atópanse Agua Sana en Baiona e Sanxinés en Vilagarcía de Arousa. No seu conxunto suman máis de 250 postos de traballo directos e máis de 300 indirectos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta