Temas: FRASEOLOXíA

“Ser un xanciño # un remendafoles # un miñaxoia # un xan debaixo da cama # un petapouco”, equivalentes, entre moitas, á castelá “ser un Juan Lanas”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 27/03/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Na lingua castelá, para se referir a unha persoa –tradicionalmente, unha persoa de sexo/xénero masculino– que é pouco decidida e que ten pouco valor ou ánimo para se enfrontar ás cousas ou asumir retos, e mesmo tamén moitas veces a unha persoa que resulta fácil da manexar por parte dos demais, non é raro botar man da expresión Juan Lanas.

Dous cans soltos. CONSORCIO DA PAISAXE PROTEXIDA DO MIJARES
Dous cans soltos. CONSORCIO DA PAISAXE PROTEXIDA DO MIJARES

Da man desta expresión, e moi ligada a ela ou gardando unha estreita relación, en castelán tamén é habitual empregar ser un calzonazos para designar un home que se deixa dominar ou asoballar pola súa parella (de feito, tanta é a conexión entre ambas as expresións –e as súas “sinónimas” ou equivalentes– que os contextos en que se usan non é raro que se solapen ou que presenten uns lindes bastante esvaecidos).

Pois ben: nesta mesma liña, e como ides poder comprobar deseguido, en galego non andamos nada coxos en canto a xeitos de dicir que dan conta destes mesmos contidos ou significados. Ímolos ver, daquela.

Ser un Juan Lanas

Ser un apocado

{= Ser unha persoa pouco decidida e de pouco carácter, valor ou ánimo para se enfrontar ás cousas ou asumir retos, e mesmo moitas veces ser tamén fácil de manexar –e incluso de asoballar– por parte dos demais.}

Ser un xanciño

Ser un xan

Ser un xan/xanciño debaixo da cama

Ser un remendafoles

Ser un petapouco

Ser un miñaxoia

Ser un malpocado

[E MAIS]:

Ser un un coitado # un apoucado # un morriñento

Ser un xocas

Ser un xaquín

Ex.: El protagonista de la serie es un Juan Lanas que, cuando le diagnostican cáncer, intenta cambiar de raíz todo el sentido de su vida y se mete a capo de la droga.

O protagonista da serie é un xan un xanciño un xan/xanciño debaixo da cama un remendafoles un petapouco un miñaxoia un malpocado que, cando lle diagnostican cancro, tenta mudar de raíz todo o sentido da súa vida e vai e métese a capo da droga.

● E mais tamén:

Ser un manteiguiñas # un poupariñas # un remenda # un fandelo # un ñáñaras # un mandiletas # un chaíñas # un augasmornas # un crequenas # un tantometén && Ser un fol de cinza # un fol de aveas # un fol de/do amoado # un funga na cinza # unha presa de aire # unha campa de la # un Deus o pague # un Deus o paguiño # un Deus cho pague # un Deus nos libre && Ser unha baraza de la

● Inda tamén, como voces e/ou expresións que cobren os ámbitos de uso expostos, pero en particular para designaren un home que está dominado pola súa parella (significado que, como xa demos a entender con anterioridade, tamén poden achegar as outras voces e/ou expresións xa reflectidas, dado que os contextos en que se usan non é raro que se solapen ou que presenten uns lindes bastante esvaídos):

Ser un calzonazos # un bragazas && Ser un mandilón

Ser un xan delas # un xan por entre elas # un xan das polainas # un xan bragazas # un barazas && Ser un mandilón # un mandiletas

● Mesmo tamén, como voces e locucións susceptibles de se empregaren en como equivalentes en contextos, temos aquelas das que demos conta á hora de abordar as expresións equivalentes en castelán a ser un don nadie (e referímonos tanto ás especificamente correspondentes a esta locución castelá coma ás que nese mesmo artigo indicabamos como análogas, en maior ou menor medida, á voz castelá pringado no sentido de “persoa que non temos por merecedora de estima, respecto ou consideración ou á cal directamente menosprezamos ou facemos de menos”).

NOTAS:

1. Tal e como se dá a entender na introdución do artigo, varias destas voces e expresións aplícanse tradicionalmente a persoas de sexo (ou de xénero, abranguendo con esta denominación un máis complexo campo semántico e de acción social) masculino.

De feito, e inda que a maioría se poden, por así o dicir, “reciclar” ou aplicar a mulleres, varias delas, coma por exemplo aquelas nas que se reflicte un antropónimo masculino, parece que non acaen alá moito se as aplicamos a unha persoa de sexo/xénero feminino: *é unha xan, *é unha xan debaixo da cama, *é unha xan delas, *é unha xan bragazas, *é unha xan por entre elas,*é unha xocas (pola contra, si que temos escoitado ser unha xanciña e mais ser unha xaquina, en ambos os casos para dar a entender que se trata dunha muller apoucada e pouco espelida ou con poucas luces, e a última delas rexistrada baixo a forma “soquina”, con pronuncia despalatizada –isto é, con pronuncia “s” no canto do noso “x” patrimonial– e con “o” aberto, que é como se di pola zona de quen isto está a escribir).

2. De man do que acabamos de comentar no anterior punto, cómpre indicar que a expresión ser un xaquín está recolleita como ser un soquín.

E, en relación, lembremos que Xocas non deixa de ser un hipocorístico de Xaquín, co cal mesmo poderiamos interpretar que ser un xocas e ser un xaquín veñen case sendo coma unha variante da mesma expresión.

3. Polo que respecta á expresión ser unha baraza(s) de la, é ben sinalar que tamén existe a opción, naqueles casos en que se aplica a unha persoa de sexo masculino, de empregar o indefinido un no canto de unha (e incluso tamén usando o plural barazas en pago de baraza):

Seu pai sempre foi unha baraza de la # un baraza(s) de la.

4. No atinente ás expresións ser un Deus o pague # un Deus o paguiño # un Deus cho pague # un Deus nos libre, en todas elas a forma rexistrada é o castelanismo Dios no canto da propia voz galega Deus.

5. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Ferro Ruibal, Xesús (dir.): Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo Edicións, Vigo, 1992.

- Ferro Ruibal, Xesús & Groba Bouza, Fernando: “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 259-282. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Filgueira Valverde, X. F. & Tobío Fernandes, L. & Magariños Negreira, A. & Cordal Carús, X.: Vocabulario popular castelán-galego. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Franco Grande, Xosé Luís: Manuel Leiras Pulpeiro. Obra Completa. Ed. Galaxia, 1970.

- Fraseoloxía Carcamana. Dentro do blog Historia e historias da Arousa.

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Graña Núñez, Xosé: Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega. Ir Indo Edicións, Vigo, 1993.

- Leiras Pulpeiro, Manuel: Vocabulario elaborado por Manuel Leiras Pulpeiro, datado en 1906. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Martínez Seixo [agora, Martíns], Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo: “O labor de fraseógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 59-77. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Penín Rodríguez, Dorinda: “Frases feitas de San Lourenzo de Abelendo”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 10, 2008, páxs. 255-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Veiga Díaz, Maite: “Pequena contribución á fraseoloxía galega”. Cadernos de Lingua, 14, 1996, páxs. 85-100.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta