O paro do transporte colapsa a capital galega con retencións nas horas punta

A principal asociación que secunda os paros en Galicia remarca que as reivindicacións "son claras": baixada de carburantes e subida de tarifas. Un acordo con transportistas permite a recollida de pensos en portos durante 24 horas para a súa repartición.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2022 | Actualizada ás 20:27

Comparte esta noticia

O décimo día de paros no transporte, aos que se foron sumando distintos colectivos ao longo das xornadas, deixou escenas de longas retencións en Santiago de Compostela, onde volveron marchar camións, tractores e maquinaria agrícola en reivindicación de medidas para compensar a escalada de prezos.

Concentrados desde primeira hora da mañá no polígono da Sionlla, centenares de vehículos protagonizaron lentos desfiles polas estradas da capital galega desde as 12,00 horas, cando partiron en dirección ao polígono do Tambre. Este parque industrial, o principal da cidade compostelá, foi o epicentro das protestas de transportistas, agricultores, gandeiros e demais colectivos que se secundan os paros.

Desde alí, a caravana dirixiuse ao centro da cidade, retardando a circulación nos barrios de Meixonfrío, San Caetano ou Amio. A protesta continuou pola tarde cos nós de comunicación como obxectivo. Así, rotondas de San Caetano ou a avenida de Lugo rexistraron concentracións de vehículos industriais, que deixaron longas colas, especialmente a partir das 19,00 horas, coincidindo coa conclusión da xornada laboral de moitas persoas.

Ademais de Santiago, este mércores, décimo día do paro no transporte, tamén deixou unha importante marcha en Ferrol, onde centenares de camións, tráileres, tractores e outros vehículos chegaron a protagonizar colas de varios quilómetros. Para o xoves están convocadas concentracións durante a mañá no polígono das Gándaras de Lugo, que podería vivir escenas similares ás do pasado martes, cando uns 400 vehículos colapsaron o centro da cidade ao marchar polas inmediacións da Muralla romana.

APETAMCOR URXE UNHA SOLUCIÓN

Paralelamente, a principal asociación profesional que secunda os paros en Galicia, Apetamcor, mobilizou os seus socios este mércores ás portas dos concellos de Santiago, Ourense, Lugo e Pontevedra. En Santiago, onde participaron na conconcentración unhas 50 persoas, o vicepresidente da asociación, Fernando Mujico, urxiu ao Goberno a "solidarizarse" cos transportistas e adoptar medidas para baixar o prezo dos combustibles. "Non podemos seguir traballando a perdas", incidiu.

"As medidas son claras: axudarnos co prezo do combustible e coas tarifas dos servizos", aseverou Mujico, que tamén demandou a implicación dos clientes para que poidan subir os portes das viaxes. Para o número dous de Apetamcor, o fondo anunciado polo Executivo central "non chega" e é preciso incrementar os apoios económicos para baixar o custo dos combustibles.

Así, espera que a reunión convocada para este xoves avance no desbloqueo do conflito, aínda que mostrou os seus receos ao non estar convocada Plataforma do Transporte, convocante dos paros e que non é considerada como interlocutor polo Goberno.

Varios transportistas no Polígono Industrial Barral, no noveno día de paro de transportistas. Isabel Infantes - Europa Press
Varios transportistas no Polígono Industrial Barral, no noveno día de paro de transportistas. Isabel Infantes - Europa Press

ACORDO PARA A RECOLLIDA DO PENSO

Por outro lado, a Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) alcanzou un acordo de 24 horas, ao longo deste mércores, que permite a recollida de pensos en portos de cara á súa repartición a granxas. Segundo explican por parte de Agafac a Europa Press, este acordo vence o xoves, polo que a partir desa xornada non se poderán empregar os camións habituais de recollida, senón só camións cisterna a modo de servizos mínimos, que tan só supoñen un 40% da capacidade normal.

Aínda que este acordo supón un "balón de osíxeno" para o agro, explica que os almacéns tan só teñen capacidade de provisión para "dous ou tres días", polo que a medida é para "curto prazo" e non serve de solución. Coa chegada de pensos a granxas de toda Galicia prevese aliviar de forma temporal a tensión existente por falta de alimento nas explotacoines, despois da alerta lanzada por gandeiros de risco de morte de animais.

Asociados de Apetamcor, principal asociación que secunda os paros do transporte en Galicia, concéntranse ás portas do Concello de Santiago, onde tivo lugar unha protesta que tamén se replicou en Ourense, Lugo e Pontevedra. ÁLVARO BALLESTEROS
Asociados de Apetamcor, principal asociación que secunda os paros do transporte en Galicia, concéntranse ás portas do Concello de Santiago, onde tivo lugar unha protesta que tamén se replicou en Ourense, Lugo e Pontevedra. ÁLVARO BALLESTEROS | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta