Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2022 | Actualizada ás 20:15
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) sacou peito de ser "un dos mellores sistemas sanitarios de España" no que a listas de espera nas especialidades cirúrxicas de otorrinolaringoloxía e anxioloxía e cirurxía vascular.
A Consellería de Sanidade defende así a xestión das listas de espera en base ao informe coñecido o pasado luns polo Ministerio de Sanidade. A Xunta non publicou na súa web as listas de espera por áreas sanitarias nin por hospitais desde xuño de 2021, é dicir, camiño de concluír o primeiro semestre do ano non revelou os datos do período anterior (antes publicábanse trimestralmente ata que se reduciu a dúas veces ao ano).
Nun comunicado este mércores, o terceiro no que vai de semana, destaca que a especialidade cirúrxica de otorrinolaringoloxía ten unha espera media de 68 días e, no caso dos servizos de anxioloxía e vascular, o tempo de espera medio é de 52. En ambos os casos, destaca o Sergas, rexístranse os mellores do conxunto do Estado.
Os servizos de cirurxía xeral e dixestivo e de cirurxía plástica posúen os segundos mellores tempos de espera, con 73 e 72 días, respectivamente. Xinecoloxía ten o mellor dato en listas de espera.
Respecto das de oftalmoloxía, con 10.227 persoas que agardan por unha intervención, e 11.781 en traumatoloxía, a 31 de decembro de 2021, son especialidades que se sitúan no cuarto posto na media do Estado, do mesmo xeito que maxilofacial, dermatoloxía e uroloxía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.