Sindicatos reclaman ao conselleiro de Sanidade avances reais na negociación laboral do Sergas

CIG, CSIF, CCOO e UXT denuncian parálise na mesa sectorial e piden medidas urxentes sobre recursos humanos e procesos selectivos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2025 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

Representantes das organizacións sindicais CIG, CSIF, CCOO e UXT mantiveron este venres unha reunión co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, despois de solicitar por escrito un encontro "urxente" para retomar os principais temas pendentes na mesa sectorial do Sergas. A xuntanza, segundo trasladaron fontes sindicais, serviu para expresar a súa preocupación pola falta de avances en cuestións laborais claves, como o plan de ordenación de recursos humanos, os procesos selectivos ou os concursos de traslados.

Sede da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde
Sede da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde | Fonte: EP

Durante a reunión, os sindicatos advertiron da parálise na actividade negociadora dende a chegada do novo equipo á Consellería. "Hai cuestións crave que levan meses sen tratarse e que terían un impacto directo nos profesionais do Sergas", sinalou o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, quen reclamou tamén que ás reunións acudan persoas con "capacidade real de negociar e comprometer propostas".

A situación actual preocupa especialmente pola caducidade inminente dalgunhas listas de selección temporal, prevista para o 30 de xuño, e pola falta de avances na mesa de permisos e licenzas, cuxa harmonización segue pendente. Neste sentido, o presidente de CSIF Sanidade en Galicia, Carlos Castro, lembrou que a Consellería vén adoptando decisións unilaterais, como a instrución para que o persoal MIR volva pasar consulta no verán, sen contar coa opinión das organizacións sindicais.

Pola súa parte, a representante de CCOO Galicia, Luz Fernández Tuñas, cualificou de positiva a actitude do conselleiro durante o encontro, pero lamentou que "despois dun ano de demandas reiteradas, aínda non hai acordos pechados". Desde a súa organización, manifestan unha postura "expectante" ante os compromisos asumidos por Gómez Caamaño, que prometeu mellorar a comunicación e a axilización dos traballos pendentes.

Os sindicatos tamén solicitaron máis persoal para a Dirección Xeral de Recursos Humanos, unha petición que, segundo indicaron, foi ben recibida polo titular de Sanidade. Con todo, todas as organizacións coinciden en que a recuperación do diálogo debe traducirse en feitos concretos, e insisten en que a situación actual afecta tanto ao persoal sanitario como á calidade da atención que se presta á cidadanía galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta