O CCG abre este luns os actos do Día das Letras Galegas cun concerto homenaxe a Delgado Gurriarán

O programa está conformado por pezas que fan referencia explícita ao homenaxeado e por creacións musicais ligadas á diáspora mexicana con obras dos seus principais referentes como Adolfo Salazar e Rodolfo Halffter, ou o galego Jesús Bal y Gay.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2022 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

O Consello da Cultura Galega abre este luns os actos de homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, a quen se dedica este 2022 o Día das Letras Galegas, co Concerto das Letras Galegas.

Segundo explicou o Consello nun comunicado, o grupo Zoar será o encargado da duodécima edición do Concerto dás Letras Galegas, que ademais de centrarse en Gurriarán, "pon o foco no colectivo que formou parte do exilio mexicano".

O programa está conformado por pezas que fan referencia explícita ao homenaxeado e por creacións musicais ligadas á diáspora mexicana con obras dos seus principais referentes como Adolfo Salazar e Rodolfo Halffter, ou o galego Jesús Bal y Gay.

Complétase tamén con outras pezas que son unha chiscadela á cultura local como 'Aureana do Sil', de Federic Mompou, a partir dun texto de Ramón Cabanillas.

En cada edición do Concerto dás Letras Galegas hai unha gran estrea absoluta a partir dunha petición do Consello. Neste caso, estrearase a peza 'Diásporas', composta por Carme Rodríguez.

Explican que é unha peza contemporánea na que a compositora parte de catro textos do poemario 'Galicia infinda' ("Xacarandá", "Volta", "Namórame ou feitizo do tesouro" xunto cun estracto de"Galicia infinda") para ofrecer "unha estrutura musical na que se mostra ese soño dunha Galicia infinda da que falaba Florencio; unha aventura ética que non deixa atrás o tema da morriña, a sensibilidade e o achegamento á natureza de México que comparaba coa de Galicia".

A entrada ao concerto é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. As entradas poderán retirarse no despacho de billetes do Teatro Loureiro Olmo o propio día do concerto a partir das 19,00 horas. Tamén se poderán reservar no teléfono 988 320 053.

O concerto retransmitirase en directo desde a web do Consello da Cultura Galega e a web da CRTVG. Tamén se poderá ver o día 17 na programación especial da segunda canle da Televisión de Galicia.

Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2022. RAG
Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2022. RAG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta