Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/06/2022 | Actualizada ás 13:29
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha Montero de Espinosa e a xefa de Servizos de Minas, Lucía Álvarez participan canda destacadas directivas de grandes empresas nun gran evento "feminista" no que se pretende destacar o papel das mulleres no sector mineiro. Neste evento colaboran empresas como Cobre San Rafael, Strategic Minerals e ERIMSA, todas elas sancionadas nalgún momento por vulneracións ambientais.
Por iso, Ecoloxistas en Acción criticou xa o “vergoñento exercicio de purplewashing, ou lavado de cara lila, do lobby mineiro que se pretende usar un discurso pretendidamente feminista para amparar a destrución ambiental”. De feito, no programa aparecen, xunto cos cargos da Xunta, representantes de varias empresas mineiras implicadas en procesos xudiciais ou sancionadores por infraccións contra o ambiente.
De Rafaella Resources, empresa australiana das polémicas minas de San Finx e Santa Comba, que acumulan máis de media ducia de procesos xudiciais, intervirán Susana García Sánchez e Ana Monteserín Losas, mentres que por Strategic Minerals, a empresa canadense que leva acumulados tres expedientes sancionadores da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pola súa actividade na Penouta, intervirá Elena Terreón García.
"Outras empresas, como Cobre San Rafael, responsábel polo fracasado proxecto de reapertura da mina de Touro, tiveron que limitarse a participar co seu patrocinio, ao teren un cadro de persoal totalmente masculinizado, evidenciando o espectáculo vergoñento que supoñen este tipo de eventos", lembraba hai uns días Ecoloxistas en Acción nun comunicado
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.