A USC experimentou no 2021 con 18.600 animais, unha "licenza para que a ciencia avance"

A universidade santiaguesa ten desde 2019 un centro especializado en investigación animal que conta con equipos "punteiros".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2022 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

"A experimentación con animais é un luxo que parte dunha licenza que a sociedade concede á ciencia para que siga avanzando". Son palabras de Anxo Vidal, profesor de Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela e un dos responsables do Centro de Biomedicina Experimental (Cebega), centro singular especializado na investigación con animais.

Posto en marcha no ano 2019, o Cebega celebrou este xoves unha xornada de portas abertas para mostrar, na liña das directivas de transparencia a nivel europeo e estatal, o traballo que se realiza neste gran laboratorio, dotado con tecnoloxía punteira e onde desempeñan as súas funcións un equipo duns 20 técnicos, ademais de investigadores doutras universidades e entidades privadas que chegan ao centro santiagués para o desenvolvemento dos seus proxectos.

O Cebega é un dos catro centros da USC onde se experimenta con animais xunto cos acuarios da Facultade de Bioloxía (Santiago) e da RIADT (Lugo) e o animalario do campus de Lugo. Neles, o pasado ano empregáronse 18.656 animais para experimentos, uns 2.500 menos que en 2020 e 5.000 menos que en 2019.

Destes, case o 70% foron ratos, especie na que está centrado o traballo do Cebega polo momento, pois está á espera da posta en marcha da área que irá destinada á experimentación con peixe cebra. O resto de animais empregados (a USC limita a un uso por animal) foron ratas (11,5%), coellos (0,4%), peixe cebra (2,6%) e outros peixes (15,7%).

Nesta última categoría, a única que non experimenta un incremento no número de uso respecto ao ano anterior, englóbanse as especies de consumo para os humanos, como o rodaballo (1.111), robaliza (260) e linguado (1.561).

Con todo, a tendencia que apuntan as estatísticas (todos os centros investigadores que operan con animais están obrigados a reportar anualmente as cifras) é un descenso xeneralizado no emprego de animais de experimentación, inclinación que tamén reflicte a USC, cunha caída do 21% respecto de 2019, último exercicio de referencia tras dous anos marcados pola pandemia.

EXPERIMENTACIÓN ANIMAL, ALGO "IMPRESCINDIBLE"

"A evolución diranos se esa diminución se mantén e se debe a que se fortalecen as alternativas de investigación ou está vinculado a unha diminución do traballo dos grupos", apuntou o profesor Anxo Vidal durante a presentación do balance de actividade na USC. Nela lembrou que a premisa coa que traballan estes centros é avanzar cara á "substitución completa" dos animais nos procedementos científicos, un obxectivo que foi declarado recentemente como "prioritario" por parte do Ministerio de Ciencia e Innovación.

"A sociedade non pode agora mesmo prescindir da experimentación con animais, o que hai que facer é garantir que se realice nas mellores condicións científicas e animais", remarcou o profesor, quen subliñou en que a pandemia de covid-19 e o desenvolvemento da vacina puxo de manifesto a necesidade para a sociedade do uso de animais para a experimentación científica.

XERAR COÑECEMENTO, FINALIDADE PRINCIPAL

A investigación básica, é dicir, a xeración coñecemento, é a finalidade principal para que a que se empregan nos centros da USC a experimentación animal. E dentro deste campo, ao que se orienta o 70% dos proxectos, avanzar no estudo do sistema endocrino e o metabolismo é o propósito maioritario con 8.460 animais empregados.

O sistema cardiovascular, sanguíneo e linfático (9,1%), o multistémico (5,7%), o sistema gastrointestinal (4,1%), o nervioso (4%), oncoloxía (3,8%) ou o sistema uroxenital e reprodutor (3%) son outras das áreas da ciencia máis comúns en investigación básica.

En canto á investigación traslacional e aplicada --avance no combate de enfermidades--, máis da metade dos 5.263 animais usados foron para o estudo de enfermidades que afectan aos propios animais, fundamentalmente para os peixes de consumo humano, xa que se desenvolven numerosos proxectos para o desenvolvemento de vacinas e tratamentos nestas especies.

Un técnico do Centro de Biomedicina Experimental de Galicia, o centro especializado da USC en experimentación animal
Un técnico do Centro de Biomedicina Experimental de Galicia, o centro especializado da USC en experimentación animal | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta