Aprobada a lei do ciclo da auga co rexeitamento da oposición a unha "suba de impostos"

O PP destaca a voluntariedade dos concellos para adherirse e "substituír taxas".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/06/2022 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

O pleno da Cámara galega aprobou este martes a lei de mellora do ciclo integral da auga, o primeiro texto legal ao que se dá luz verde de forma definitiva con Alfonso Rueda como presidente da Xunta. A nova norma saíu adiante co rexeitamento da oposición --BNG e PSdeG-- ao que consideran unha "suba de impostos".

Auga da billa
Auga da billa | Fonte: Europa Press.

En cambio, o PP defende que a nova lei non suporá unha alza de impostos, senón unha reordenación dos existentes. "Se algún escoita algún grupo falar de sablazo, pensará que a xente en Galicia non paga pola auga, e isto non é verdade", sostén o deputado popular José Manuel Rey Varela. "Aquí o que se fai é substituír taxas para aqueles concellos que libremente o decidan por outros conceptos", explica.

Así, Rey Varela defende que Galicia dá "un novo paso" para a xestión dos seus recursos naturais con este texto, co que se busca evitar a metade das fugas existentes nas redes, polo cal que todos os concellos que queiran poidan solicitar de modo voluntario a xestión e axuda autonómica.

Durante o debate, Luís Bará (BNG) denunciou que o PP "presume de que queren baixar os impostos e o que fai é subir unha vez máis os impostos ás familias e aos fogares". Nesta liña, Begoña Rodríguez (PSdeG) apunta que "de súpeto aparecen o canon de xestión de depuradoras, o canon de xestión de redes de colectores e o novo canon de abastecemento".

Rodríguez sinalou que, con base a memoria económica de Augas de Galicia, "a modificación do canon da auga" suporá aumentos na recadación que "serán de máis de 50 millóns desde o primeiro exercicio".

En relación coa voluntariedade dos concellos para adherirse a este modelo de xestión, Rodríguez considera que "non é de recibo" que se lles diga aos municipios "se lles gusta, sómense", pero "se non lles gusta, queden como están".

A isto únese a crítica de que a Xunta "contribúe só cun terzo" dos custos das obras, mentres os concellos asumen os outros dous terzos. "Non se ten en conta a capacidade económica e técnica dos concellos", lamenta. Igualmente, a deputada socialista reproba que "a maior parte" dos fondos de Augas de Galicia proveñen de fondos europeos, pero os concellos "non teñen sempre acceso", "fundamentalmente os de menor tamaño" son os máis prexudicados, apunta.

A continuación, Bará cargou contra a Xunta por "actuar cun absoluto exceso de prepotencia e soberbia" por aprobar este texto "sen ter en conta a opinión do municipalismo", "sen cumprir o pacto local da auga anunciado aos catro ventos en 2015" e "en contra das comunidades veciñais de traídas da auga", ademais de sen contar co CES.

Tamén considera que a norma "non está adaptada á realidade galega" con máis de 30.000 núcleos de poboación e prosegue cun "modelo de infraestruturas fracasado". Por toda esta "falta importante" na tramitación de acordo social, Bará reprocha a "oportunidade perdida de chegar a un gran pacto galego pola auga".

Pola súa banda, Rey Varela defendeu unha tramitación e unha negociación "moi intensa" para sacar adiante esta lei, que conta cun "importante valor técnico". Incide na "voluntariedade" para adherirse porque: "Cremos na autonomía local".

"Xunto ao feminismo, o ecoloxismo está a transformar a conciencia da sociedade. Nós, como representantes dos galegos, debemos trasladar as inquietudes ás leis, non falar soamente de feminismo e ecoloxismo, senón pór instrumentos para que o feminismo e ecoloxismo formen parte da nosa capacidade de autogoberno", sostén Rey Varela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta