Aprender da historia

Vai para un par de meses que Xosé Manuel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, asinaba un interesante artigo en El País: “Leccións da Guerra de Inverno de 1939”, no que describía os paralelismos entre a actual situación en Ucraína: a súa valente defensa ante un inimigo moito maior, e a formidable defensa do exército finlandés ante o exército imperialista soviético.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 18/07/2022

Comparte esta noticia
Un enfrontamento que aínda que finalmente tivo aos agresores como vencedores, distou moito de ser o paseo triunfal que inicialmente agardaban. As verbas coas que o profesor da Universidade de Mansfield remataba o seu libro “Guerra de inverno. Rusia contra Finlandia” (Editorial San Martín, 1976) sonan tremendamente actuais: “Nun clima de ilegalidade internacional os finlandeses foran obrigados a recorrer á forza das armas para protexer a súa liberdade. Aínda que o prezo era moi alto, non regatearon esforzo para conquistar o seu dereito á independencia, e a súa ousadía e coraxe ante a esmagadora superioridade do adversario foron un exemplo para o mundo enteiro”. Actuais tamén as verbas de Barrei Pitt na presentación da obra: “Cando as vehementes demandas dunha grande potencia son rexeitadas por outra máis débil, rara vez recorre a unha acción bélica inmediata. Prefire buscar, ou provocar, un “incidente” que proba ser denunciado como un acto de agresión e entón reacciona con abafante forza militar”. 
 
Nuñez Seixas rescata unha frase de Mark Twain, “A historia non se repite, pero rima” que en poucas palabras lémbranos que aínda que cada día é distinto, existen moitos elementos que se repiten, e que grazas a eles podemos aprender, si nos esforzamos, claro.
 
As moitas rimas suxeridas pola agresión a Ucraína están sendo recollidas en multitude de artigos, aínda que, en moitos casos, os papeis dos actores semellen trocados. A rima coa Guerra Civil española é clara, pero neste caso non son os poderes capitalistas os que, por activa ou por pasiva, se aliñan co agresor, senón unha parte da esquerda, algunhas veces con argumentos sacados de contos de nenos: “Non esquezamos que é a OTAN quen está armando, entrenando e lanzando contra Rusia “ata o último ucraíno” co único obxectivo de cercala, hostigala e, para rematar, atacala con armamento nuclear”. Temos que recoñecer que é un panfleto que un amigo recolleu no Metro de Madrid, asinado por unha organización tan marxinal como é o PCE (r), pero sen dúbida recolle á perfección, atendendo aos feitos, o que pensan personaxes tan escuros como o deputado do BNG Nestor Rego ou tan inxenuos como a ministra Ione Belarra.
 
Neste xogo de rimas tamén é de interese ver como situacións semellantes provocan reaccións diametralmente opostas. O exdirixente do Movemento Comunista de Galicia e de Inzar, Xesús Veiga, apuntabao nunha colaboración neste mesmo dixital. En 2003, entre xaneiro e abril, a esquerda mobilizouse a nivel global contra a invasión de Irak. Os que naqueles momentos tíñamos 20, 30, 40 ou 50 anos recordaremos por sempre os milleiros de persoas en Santiago de Compostela, Vigo, Coruña, ou en vilas pequenas, que todas as semanas tomábamos as rúas para protestar, con toda a nosa forza, contra unha guerra criminal. Naquel momento non lembro que ningunha forza social, política ou sindical, das moitas que integraban a Coordinadora Galega pola Paz, puxera sobre a mesa que, a fin de contas, Irak estaba gobernando por un sátrapa, un ditador criminal e corrupto, que cando fora necesario non dubidara invadir outro país: en 1980, Irán, que deu lugar a 8 anos de guerra, e anos despois Kuwait. Tampouco dubidara, cando fora preciso, en masacrar ao pobo kurdo, ou á maioría chiita. Naquel momento de agresión imperialista ninguén se lembrou de pedirlle credencias de demócrata a Sadam Hussein. 
 
Hoxe, as cousas para a esquerda representada polo “podemismo” ou o BNG mudaron.  A Ucraína de Zelenski semella que non merece o mais mínimo xesto de solidariedade,  porque, din, non cumpre unha esixente e longa lista de comprobación sobre democracia, dereitos humanos, protección das minorías, que decidiron aplicarlle. Que Ucraína sexa invadida, os seus habitantes asasinados, as súas cidades bombardeadas, iso agora é o de menos. O “podemismo”, tan mirado el, non se vai solidarizar, polo visto, con calquera. Son feitos que se repiten cada pouco. Temos unha esquerda que pasados 20 anos aínda se rasga a vestiduras polos bombardeos da OTAN contra obxectivos militares serbios, en 1999. Que aqueles bombardeos salvaran milleiros de vidas kosovares é o de menos. Hoxe eses mesmos que andan aínda coa vestimenta rasgada xustifican as matanzas de ucraínos porque polo que din con iso salvan a vida de non se sabe ben que rusófilo que andaba polo Donbas... O “podemismo”, e os seus palmeiros, teñen varas de medir distintas para cada ocasión. Semella que cada un ten que vivir coa súa ración de hipocrisía.
 
A posición desa esquerda lembra outros tempos. Parafraseando a Mark Lilla, hai unha esquerda que é única en non perder a ocasión de errar (as verbas exactas de Lilla son: “Os estadounidenses liberais teñen a reputación de, como di o proverbio, non perder nunca a oportunidade de perder unha oportunidade”). 
 
O silencio cómplice de Podemos respecto á agresión rusa lembra, sen  esforzo, a como unha boa parte dos partidos comunistas europeos nos 50 aplaudiron o esmagamento da revolta húngara en 1956. Daquela os tanques do Pacto de Varsovia foron o instrumento para devolver o poder á rancia ortodoxia, temorosa a URSS de que o experimento de apertura, a procura dun socialismo democrático, fixera estoupar todo o seu entramado de dominación, nos seus países satélites, e tamén no interior, aínda que fora unha posibilidade ben remota. Paga a pena reler as 30 páxinas que a ese momento da historia dedica Tony Judt na súa monumental  “Posguerra. Unha historia de Europa dende 1945”. Nesas páxinas Judt recolle a reflexión do escritor húngaro István Bibó, sobre o tremendo golpe que a represión soviética causara á relación de movementos como o pacifista, o feminista ou o movemento estudantil, co comunismo. Non poucos autores fixan nese feito o comezo do acelerado declive dos partidos comunistas occidentais. Robert Service recolle no seu libro “Camaradas” como o minoritario Partido Comunista de Gran Bretaña perdeu en pouco tempo unha cuarta parte da súa militancia. A cegueira prosoviética acadou incluso a líderes como Palmiro Togliati, e mesmo a quen logo foi, por dúas veces, presidente de Italia, Giorgio Napolitano, naquel momento tamén dirixente comunista. A represión soviética causo mais de 3.000 mortos, e logo arredor de 300 persoas foron executadas tras xuízos farsa, incluído o que fora brevemente presidente Imre Nagy. Ente os milleiros de persoas que sufriron represalias de distintos tipo (dende penas de cadea ou a perda dos seus empregos) estaba un dos pensadores marxistas máis brillantes do século XX, Georg Luckas.
 
Fronte ao silencio da ortodoxia comunista erguéronse voces de destacados intelectuais, como Jean Paul Sartre, que publicou un afamado artigo na revista “Les Temps Moderns”, “O fantasma de Stalin”, ou o premio Nobel de Literatura Albert Camus, que denunciaron sen descanso a ocupación soviética de Hungría. Hoxe, voces como a de Paul Mason, Christian Laval ou Pierre Dardot son a mostra que unha parte da esquerda aínda conserva a súa capacidade de ver a realidade.
 
A miopía de Unidas-Podemos ante a barbarie rusa en Ucraína é unha catástrofe para o futuro da esquerda, a curto e a medio prazo. O tremendamente errado da súa posición será un lastre para calquera proxecto político de futuro, nomeadamente o proceso que quere liderar Yolanda Díaz. Seguramente non o mais importante: as eleccións andaluzas xa deixaron unha boa colección de chapuzas e estupideces entre as que escoller. Pero é un erro mais. Un pouco mais de chumbo para que a esperanza non despegue. 

O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, intervén telematicamente no hemiciclo do Congreso
O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, intervén telematicamente no hemiciclo do Congreso | Fonte: R.Rubio.POOL - Europa Press.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.