Por Galicia Confidencial | Cedeira | 27/08/2014 | Actualizada ás 11:35
Son 26 parellas de todo o mundo, desde Brasil a Francia, e virán a Galicia, concretamente a Cedeira, para casar seguindo un rito celta que oficia Manuel Aneiros, autodenominado druída Aneiros dos Ártabros, coincidindo co Lugnasad, unha data sinalada no calendario anual para os pobos atlánticos.
O Lugnasad, que recolle os ecos dun antigo ritual celta, terá lugar entre o piñeiral e a praia da Magdalena. O compromiso do casamento celta dura o que dura o inverno e pode romper ao cabo dun ano ou renovarse para o verán seguinte.
Antes da súa voda, as 26 parellas reuniranse a noite do venres no campo para desfrutar dunha queimada multitudinaria. O sábado ao mediodía, desfilarán polas rúas da vila e participarán en xogos e actividades até a cerimonia, ás 23:00 horas, sobre o areal. A festa rematará moi ao estilo galego, cunha gran enchente.
Ademais das vodas celtas, a tradición revívese cun programa de actividades para todas as idades e públicos que arrinca o venres. Estes festexos, que se celebran en Cedeira desde 2009, congregan cada agosto a centenares de turistas e curiosos.
Contan co respaldo do Concello, a banda de gaitas Robaleira, e a Sociedade de Caza e Pesca Cedeira-Cerdido, ademais de achegas que fan empresarios locais, hostaleiros e veciños a título particular.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.