Por Galicia Confidencial | Verín | 23/07/2022 | Actualizada ás 09:55
Emilia Somoza, concelleira de Educación, Cultura e Festexos presentou o pasado día 21 de xullo o programa para este ano. Haberá moitas actividades para todos os públicos e moitas pensadas especialmente para a rapazada.
VENRES 29
A festa comeza ás 11:00 horas co “Desfile da Ludoteca Especial Batucada” que este ano, con temática McDonald´s, fará un percorrido circular desde o CEIP Amaro Refojo por Laureano Peláez, Praza do Concello, Praza da Mercé, Rúa da Cruz e Praza García Barbón. Rematarán con música e baile xa tradicional “Festa Infantil Da Ludoteca” no citado centro escolar.
Pola tarde, de 16:30 a 19:30 horas, os máis pequenos gozarán cunha gran festa de inchables de terra e auga coa “Festa Infantil na Praia Fluvial de Verín coa animación musical a cargo de Saudeter. O acceso as actividades será de carácter gratuíto.
Xa na noite do venres (23:30–3:00 horas) a Praza García Barbón contará coa animación musical de Enjoy Eventos e coa actuación de Skalopendras (01:00h) grupo de “rock bravú” formado por catro músicos procedentes de András, Vilanova de Arousa (Pontevedra).
SÁBADO 30
O sábado, como non podería ser doutra maneira, a auga e a espuma serán os principais protagonistas da batucada. Entre as 17:00 a 19:00 horas , celebrarase na Praza García Barbón a gran “Festa da escuma e da auga”. Este ano, o evento contará coa animación musical a cargo de A Gramola e do artista Internacional Groove Amigos. Este enérxico dj está a revolucionar a escena musical mainstream en España. André Vázquez tivo un soño e comezou a traballar coma se non houbese un mañá. Viaxa polo mundo actuando como DJ e facendo gozar ao público cos seus sets. O seu descaro sobre o escenario e a súa interacción co público fixeron das súas sesións unha experiencia inesquecible.
Ás 19:00 horas, comezará o “Desfile Pasa-Rúas da Batucada” que sairá da Praza Maior e continuará pola rúa da Cruz, Praza da Mercé, avenida Luís Espada, avenida de Portugal, rúa Montemaior Laureano Peláez, Irmáns Moreno rematando no Pavillón dos Deportes de Verín. Este ano, o desfile contará coa presenza das batucadas Somdolilá (Santiago de Compostela), grupo de percusión feminista de mulleres que usan a música como ferramenta de sonoridade, alegría e loita; e Os Queimatasas (Poio), Batucada pontevedresa composta por una decena de músicos aos que lles encanta a música e a marcha, demostrándoo en todas e cada unha das festas e espectáculos nos que tocan.
A partir das 23:30 horas, a Praza García Barbón contará coa animación de A Gramola. Posteriormente, o broche musical correrá a cargo do grupo Maldito Murphy, (1:00h) unha banda de pop rock orixinaria de Vigo. Creada en 2015, gravaron dous discos: Non Eramos Tan Cegos (2017) e o seu último lanzamento Horizontes (2020), no cal colaborou o gran Mikel Erentxun. A festa prolongarase ata as 3:30 horas da madrugada do domingo da man de A Gramola.
Segundo explicou Somoza, esta ano manterase de novo o acordo habitual cos hostaleiros para evitar o conflitivo uso de vasos de cristal na Batucada e evitar altercados. "Ofrecemos aos establecementos a oportunidade de instalar barras na rúa para que poidan servir bebidas en vasos de plástico". Tamén, sabendo que a auga é protagonista neste festexo, indicou que coñecedores da situación de seca deste ano farase un uso moi responsable e o mínimo posible para as actividades que a precisen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.