Conta atrás para a XV Feira do Viño de Monterrei

Será en Verín, do 12 ao 14 de agosto, e contará con 18 adegas. En paralelo desenvolverase un amplo programa de actividades culturais, gastronómicas e musicais.

Por Galicia Confidencial | Verín | 11/08/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Na XV Feira do Viño de Monterrei participarán 18 das 28 adegas que conforman a denominación de orixe, unha máis que no 2019, “o que demostra que, tras dous anos sen celebración pola crise sanitaria do Covid-19, o sector segue apostando por esta cita vitivinícola que para nós ten unha gran carga emocional”, destacou a presidenta do Regulador da D.O. Monterrei, Lara da Silva Rodríguez, na presentación do evento. "Por iso volvemos con máis forza e ilusión se cabe, e esperamos que o visitante poida degustar todo o traballo e esforzo realizado nos últimos anos", engadiu.

Presentación da XV Feira do Viño de Monterrei. Foto: Prensa Concello de Verín.
Presentación da XV Feira do Viño de Monterrei. Foto: Prensa Concello de Verín.

O alcalde verinés, Gerardo Seoane Fidalgo, quixo facer un chamamento ao público para que veciños e visitantes se acheguen ata Verín nas datas nas que se celebra a Feira para gozar dos viños de Monterrei, así como dunha completa oferta cultural e gastronómica. "Estou seguro de que a nosa feira do viño volverá ser este ano, tras o parón obrigado pola pandemia, un evento de referencia no sur da provincia de Ourense; onde quen nos visite poderá descubrir as singularidades da nosa comarca a través do seu patrimonio gastronómico, vitivinícola e cultural", destacou Seoane.

O recinto feiral estará na praza da Alameda e, ademais das casetas das adegas, estarán presentes postos gastronómicos aptos para todos os públicos. O horario de apertura das casetas será o seguinte: venres 12 de 20.30 a 23.30 h, sábado 13 de 12.30 a 14.00 h. e de 20.30 a 01.00 h, e domingo 14 de 12.30 a 14.00 h e de 19.30 a 23.30 h. Nesta edición, os prezos serán de 5 degustacións por dez euros e unha copa personalizada da D.O. por dous euros.

O acto inaugural da XV Feira do Viño de Monterrei realizarase o venres 12, a partir das 20.30 horas, na praza da Alameda. A pregoeira será Paula Vázquez Rocha, técnico da Oficina Agraria Comarcal de Verín.

Na web da D.O. Monterrei pódense consultar as adegas participantes e a axenda de actividades que se desenvolverán ao detalle.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta