Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2022 | Actualizada ás 11:44
A Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) denuncia que o Sergas tardou un total de cinco meses en dar resposta a unha reclamación interposta por un paciente diagnosticado de cancro, J.A.C.R., que permaneceu ata 61 horas en observación en Urxencias á espera dunha cama en planta.
Este caso saíu á luz en febreiro do 2022, cando a filla do paciente decidiu denunciar a atención recibida polo seu pai, ingresado despois de sufrir unha deficiencia respiratoria. Tal e como recollera no escrito, durante máis de 60 horas, o paciente estivo nunha padiola dentro da sala de observacións, unha situación que, asegura, "constitúe un uso desaxeitado da sala e sobrepasa de longo o tempo de permanencia nesa sala".
Dende o Hospital non deron resposta a esta reclamación ata este mes de agosto, unha demora de máis de cinco meses criticada agora pola Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, que denuncia ademais numerosos erros e datos inexactos ao longo do escrito. Para comezar, segundo explica nunha nota, o Hospital confunde a data de reclamación, que foi presentada o 22 de febreiro e non o 22 de xullo, como se indica no escrito do Sergas.
Así mesmo, a asociación critica unha práctica xa "habitual" no CHUS en relación á non identificación do resposable da resposta nin do cargo que ocupa. "O noso servizo público de saúde segue movéndose nun limbo fóra do estado de dereito, un ámbito onde se incumpren as regras máis elementais, cuxa aplicación garante o exercicio dos dereitos", explican.
Sobre o contido do escrito remitido polo Sergas, a asociación de pacientes denuncia a falta de asunción de responsabilidades. "Non é tolerable que un servizo que ten a obriga de observar os estándares de calidade recomendados polo Ministerio de Sanidade para as unidades de urxencias hospitalarias e que, polo tanto, debe garantir que os pacientes non poidan permanecer máis de 28 horas no servizo, afirme que iso non é responsabilidade súa, senón do servizo de admisión", explica a asociación.
Botando man do código deontolóxico, que recolle que todo o persoal médico directivo está obrigado a denunciar as deficiencias que poidan afectar a atención dos pacientes, a asociación lamenta que o CHUS alegue que "non pode desde o servizo influír nos tempos de espera dos pacientes no servizo". "É a súa obriga deontolóxica esixir e denunciar a insuficiencia asistencial que comporta tempos de espera en urxencias por encima do recomendado", sentenzan.
Así mesmo, dende a asociación tamén critican que o hospital considere que o tratamento recibido na sala de observación é o mesmo que en planta, posto que "non se mantén a necesaria intimidade visual e auditiva; os pacientes agardan normalmente en padiolas e non en camas e o acceso aos aseos é deficiente", sinala a asocación. "As urxencias non poden, nin deben, substituír a cama hospitalaria, senón que debe atender ao obxecto para o cal foi creado o servizo e que expresamente se recolle na Lei de Saúde de Galicia".
"Indígnanos", sentenzan finalmente, "que se siga sen admitir por parte dos responsables do servizo que se está facendo un uso indebido dos servizos de urxencias e que se banalicen as consecuencias sobre a calidade asistencial de manter a pacientes en condicións inadecuadas. Os pacientes non precisamos que nos dean a razón, precisamos que os que teñen nas súas mans a nosa saúde e a nosa intimidade se comprometan con nós na esixencia de calidade asistencial e trato digno".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.