Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2022 | Actualizada ás 22:00
Sandra Guedev sempre tivo na cabeza a idea de levar unha proposta musical innovadora a un gran escenario. De cativa xa quería ir a Eurojunior, e agora é finalista na enquisa popular da web Eurovisión Spain na que se escollen as artistas que á xente lle gustaría que representasen o Estado no festival europeo. hydn, que se escribe en minúsculas e se pronuncia hidden, é o proxecto desta artista emerxente de 26 anos, que flúe entre diversos xéneros, idiomas e formas de expresarse para sacar á luz todo o que queda oculto. Falamos con ela.
Quen é Sandra e que é hydn? Como te presentarías ti e o teu proxecto musical a quen non te coñeza?
Sandra é a persoa que está detrás de hydn. Sandra está moito máis relacionada co audiovisual e hydn coa música. Eu antes tiña un grupo no que eramos dúas persoas e sacabamos unha canción por ano, estabamos moi centrados no Dream Pop, na música para chorar, pero a min non me enchía... Entón, hai algo máis de dous anos, empecei a crear hydn, que xorde precisamente da necesidade de explorar máis aló dun único xénero, e hoxe en día é o proxecto que me permite probar moitos máis instrumentos, máis de formas de expresarme... Así naceu hydn, que para min representa ese lume que teño dentro.
"Son unha persoa moi impaciente e supoño que todo iso se traduce en querer descubrir formas novas de expresión artística"
Máis que adscribirte a unha corrente musical concreta, prefires fluír entre os xéneros, non?
Si, de momento non me gustaría situarme nun xénero concreto. Eu son unha persoa que se aburre moi rápido de todo en xeral, entón preciso sons novos e todo o que me faga sentir cousas distintas. Son unha persoa moi impaciente e supoño que todo iso se traduce en querer descubrir formas novas de expresión artística. Eu si consumo case todos os xéneros musicais que existen, e escoito dende metalcore ata R&b ou hardcore melódico... Realmente cada vez se leva máis o de mesturar xéneros, sobre todo no metal, e a min iso chámame bastante porque cuadricularme non me gusta. Polo tanto, non me penso poñer límites nin quero pecharme portas. Musicalmente teño claro que vou ir explorando e fluíndo, creo que é algo importante cando estás empezando como artista.
Si que é certo o que fago agora se sitúo máis nun dark pop electrónico con bastantes pinceladas de r&b, pero depende do tema. De feito esta é a razón pola que de momento non teño pensado sacar álbum. Teño varias colabos pendentes co meu produtor, Chris Indian, e pensamos sacar un EP pequeniño xuntes.
Baixo o nome de hydn, procuras sacar para fóra o que permanece oculto. Que é iso que coa túa música queres deixar á luz?
Para empezar, o galego. Para min nada ten nunca un só significado. Se non ten dous ou tres, non son eu. Son súper rebuscada! [risas] e con hydn eu quero chegar a públicos que nin coñecen a existencia do galego. Por outra parte, gústame explorar e sacar sen tabús toda a merda que podemos levar dentro, eses dilemas e pensamentos intrusivos que sempre están aí, para lanzar a mensaxe de que nós elixir como queremos ser. Xogo un pouco con iso. hydn é 50% Sandra e 50% alter ego, esa personaxe que vou creando e coa que vou fluíndo.
"Vou fluíndo entre unha lingua e outra porque me apetece moitísimo expresarme nas dúas: o galego síntoo como lingua materna aínda que de pequena non o aprendera, e o inglés tamén é outro dos idiomas nos que me criei a través da música"
Unha das cousas que máis chama a atención da túa proposta é esa mestura novidosa entre o galego e o inglés. De onde nace esta idea? Como chegas a ela?
Eu sempre escoitei música en inglés e ademais son neofalante en galego dende o ano 2017. Para min non tiña sentido facer toda a música en inglés e xa cando estaba no grupo quedaran moitas cancións sen sacar, unha delas en galego. Eu son super fan de Kali Uchis ou Paloma Mami, que son brutais facendo spanglish. E dixen: mira, por que non collo e mesturo galego e inglés? A min ao final gústame moitísimo compoñer en inglés, sáeme así, e vou fluíndo entre unha lingua e outra porque me apetece moitísimo expresarme nas dúas: o galego síntoo como lingua materna aínda que de pequena non o aprendera, e o inglés tamén é outro dos idiomas nos que me criei a través da música. En castelán non me sentiría cómoda e está súper visto, que vou aportar eu de novo? Eu quería algo que me enchera de verdade! Así que penso que é unha proposta que me permite facer algo diferente e chegar a novos públicos, xente que nin sequera coñece o galego, para achegalo a el a través do inglés.
Dalgún xeito, estás facendo algo que a ti mesma che gustaría ter escoitar e que non tiñas ata o de agora?
Si, iso é o principal. Isto é música que eu escoito moitísimo. Hai dous tipos de artistas: por un lado están os que non se queren escoitar, e despois estamos os que nos temos en bucle e somos dos nosos artistas máis escoitados en Spotify. Parece que estamos un pouco pirados! [risas]. É unha música que a min me encanta escoitar e que me gustaría ter tido cando eu era máis pequena. Ademais en pop, porque aínda que xogue cos xéneros, intento non deixar de estar dentro do pop.
"Estiven bastante obsesionada con Manuel Antonio e o seu libro De catro a catro, e tamén con Celso Emilio Ferreiro. Que obsesión máis absoluta con ese home!"
Que te impulsou no seu momento a mudar de lingua para o galego?
Eu cando estaba no instituto tiven profes moi marabillosos de galego, Concha Blanco, Vicente Reboleiro... que me transmitiron ese amor pola lingua. A miña nai é de Madrid e iso fai que ao final non estea tan en contacto coa cultura como unha persoa que medrou con avós galegos. Así que lle debo ese achegamento aos meus profes. Empecei a ler, a buscar... Estiven bastante obsesionada con Manuel Antonio e o seu libro De catro a catro, e tamén con Celso Emilio Ferreiro. Que obsesión máis absoluta con ese home! [risas]
Chegou un momento, cando entre na Escola de Imaxe e Son e coñecín a Iago Vilarinho, o meu director de fotos, que pensei: 'tía, es unha pesada con cousas en galego, Celso Emilio Fereirro para aquí, para alá... pero o que realmente podo facer polo idioma, que é falalo, non o fago'. Falei con Iago e decidinme a cambiar de lingua. Custoume o meu... Tamén no galego teño mesturas: cheísmo da miña zona, a Costa da Morte, e tamén galego da Mariña por Iago, con pinceladas de Ourense por ler tanto a Celso Emilio Ferreiro. E enriba de todo iso, algún castelanismo que está bastante á orde do día.
"Debo ser a artista máis pequena desa lista, estou con peña súper grande, e no medio eu, que aquí onde me ves son autoxestionada, autofinanciada, e ata hai tres semanas estaba traballando a tempo parcial nunha tenda"
Agora acabas de converterte en finalista na enquisa popular de Eurovisión Spain sobre os representantes preferidos para ir ao festival no. Estado. Compartes final con María Peláe, La Casa Azul, María José Llergo, Lola Indigo, Ana Mena, Guitarricadelafuente... Como recibiches esta nova?
Ao principio non o cría para nada. Sentíame un pouco como ese meme tan marabilloso de '¿qué está pasando con la simulación?'. Eu xa flipei ao estar entre os cen, dixen: 'isto ten que ser un erro!'. Ao día seguinte púxenme a buscarme dende o fondo da lista e non me atopaba, eu xa pensei que se esqueceran de min, que seguramente fose erro, e de repente véxome no top 12! Flipei moitísimo, de verdade. Parecíame surrealista. Os primeiros días paseinos vendo series para intentar asimilalo. Debo ser a artista máis pequena desa lista, estou con peña súper grande, e no medio eu, que aquí onde me ves son autoxestionada, autofinanciada, e ata hai tres semanas estaba traballando a tempo parcial nunha tenda. De tolos dixei o curro voume centrar cen por cen no proxecto a ver que vai saíndo.
Nestes últimos días vin que estaban aumentando moito as visualizacións en YouTube. Como estás vivindo este auxe?
Totalmente. É que é unha loucura. Para empezar, pola visibilidade. Ao estar aí coñécete moita xente e sentín moitísimo cariño. Hai un rapaz que está reaccionando a case todas as miñas cancións e é unha marabilla. Case todos os días teño subscricións e comentarios novos. Estou moi contenta.
"Sempre quixen ir a Eurovision porque eu adoro todo o que veñen sendo postas en escena super extra e enviar cousas moi tolas"
Veste no Benidorm Fest? Que proposta estás preparando ou que che gustaría subir a ese escenario?
Eu xa me estaba preparando hai tempo. Eu quería ir de pequena a Eurojunior, menos mal que miña nai non me apuntou porque daquela cantaba moi mal! [risas] Sempre quixen ir a Eurovision porque eu adoro todo o que veñen sendo postas en escena super extra e enviar cousas moi tolas. Cando pasou todo o de Tanxugueiras foi un punto clave no que dixen: dáme igual o que pase, pero eu para o ano quero estar aí. Pensamos presentar dúas propostas de cancións... O que máis tempo levamos pensando é o vestiario. Eu traballo coa deseñadora Madame Caolin e ela propúxome unha idea que a min tamén me axudou a aclarar o que quería. Iremos a tope con cada tema, e o xénero principal sería distinto en cada canción. Mais non quero dicir moito máis para non presionarme a min mesma.
Na túa proposta tamén ten moita importancia a estética. Axúdache a transmitir mensaxes?
Para min a estética, a roupa e a maquillaxe, é outra forma máis de expresarme. A imaxe paréceme super importante e quero que a través dela sintas cousas e coñezas e saibas máis da personaxe. Por iso me gusta moito traballar con Madame Caolin, encantoulle a miña proposta e estamos moi na mesma liña. Dáse a paradoxa de que ás veces visto de deseñadora e outras de Aliexpress, así é a realidade do artista emerxente [risas].
hydn non son simplemente eu, é todo o meu equipo. Tamén Nuria Rey á fotografía, Iago Vilariño como director de foto, os diferentes produtores... Moitas veces cando vemos unha artista esquecémonos de que hai un equipo de xente detrás marabilloso. Unha das cousa máis bonitas de ser musico é que se che vai ben podes dar traballo a moitísima xente, e á arte galega, que se vexa que aquí hai moitísimo talento.
"Encantaríame poder crear un selo musical e facelo en Galiza, onde hai moitísimo talento e xente facendo cousas super diferentes"
Ti formas parte desa nova onda de xente nova con estilos musicais moi diversos e novos no galego. Como ves a escena musical actual?
Vexo que está guai, pero que fai falta moito apoio. Encantaríame poder crear un selo musical e facelo en Galiza, onde hai moitísimo talento e xente facendo cousas super diferentes. Vénseme á cabeza Nia Twee, que fai en inglés unha especie de pop chulísimo que non se fai nada en España; ou Kid Mount, fai unha especie de pop punk rap en galego que é chulísimo. Que pasa? Que non temos ferramentas. Este rapaz tiña que ser moitísimo máis coñecido, e coma el moita máis xente. Esta nova onda galega que xa tiña que estar moito máis arriba, aínda está a medias. Por iso reivindico moito apoiar o talento galego emerxente tanto na música como no audiovisual. Falta visibilidade, falta moita xente por descubrir, por entrar e ter. un espazo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.