Detectan outros tres casos de gripe aviaria en Galicia, que suma dez mascatos afectados

A Xunta lembra a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, comerciais ou particulares.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2022 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

A Xunta informa de que se detectaron tres novos casos de gripe aviaria en Galicia en individuos de mascatos recollidos no Grove (praia de Raeiros), Muros (porto de Cabanas) e Carballo (praia de Razo). Segundo informa a Consellería de Medio Rural nun comunicado, a detección realizouse no marco do plan de vixilancia de gripe aviaria. Os casos foron confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

De tal forma, Galicia suma un total de 10 casos de influenza aviaria. Estes exemplares foron trasladados aos centros de recuperación de fauna silvestre para tomar as mostras e todos foron sacrificados.

O mascato é unha ave mariña que nidifica no Atlántico norte. Forma colonias de varios miles de parellas, mentres que moitos exemplares novos migran cara ao sur e alcanzan augas subtropicais ou mesmo tropicais no oeste de África. Nestes momentos, estas aves atravesan as costas da península ibérica no comezo do seu paso migratorio para invernar cara a Mauritania e o golfo de Guinea.

Nas súas zonas habituais de residencia no Atlántico norte, as autoridades sanitarias notificaron numerosos casos de gripe aviaria nesta especie, posible orixe dos casos detectados agora en Galicia, relacionados coa migración anual destas aves cara ao sur.

Por iso, aínda que as autoridades aseguran que os exemplares da especie afectada son de hábitos exclusivamente mariños e non se aproximan en condicións normais á costa, a Consellería do Medio Rural lembrou a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, comerciais ou particulares.

Así, insiste en evitar o contacto con aves silvestres e intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres. Neste caso, sinala a necesidade de notificar a sospeita aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente. No que vai de 2022, 11 das 17 comunidades notificaron algún caso de gripe aviaria en aves silvestres.

Exemplar de alcatraz (Arquivo). GOBERNO DE CANTABRIA
Exemplar de alcatraz (Arquivo). GOBERNO DE CANTABRIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta