A oposición esixe eliminar rebaixas fiscais "para ricos": "É un insulto á maioría dos galegos"

Rueda replica: "Menos impostos e máis benestar".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2022 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

Os dous grupos da oposición --BNG e PSdeG-- volveron a esixir á Xunta que elimine as rebaixas fiscais "para ricos", como a bonificación de ata o 50 por cento imposto de patrimonio anunciado o pasado venres, nun debate no Parlamento no que o presidente galego, Alfonso Rueda, respondeu coa receita de "menos impostos e máis benestar".

O Pazo do Hórreo acolleu este martes unha nova comparecencia do titular da Xunta para explicar as liñas mestras dos orzamentos autonómicos para o 2023 e que tanto a portavoz nacionalista, Ana Pontón, como o socialista, Luís Álvarez, lle pediron que "recupere" para os servizos públicos os 34 millóns de euros que vai deixar de ingresar coa nova rebaixa do imposto de patrimonio.

"Señor Rueda, non lle parece que é un insulto á inmensa maioría de galegos que, coa que está a caer, vostede presente un pelotazo fiscal de 34 millóns de euros a 7.700 galegos deste país?", preguntoulle a líder do Bloque.

Neste sentido, Pontón tamén cuestionou a deflactación do IRPF anunciada polo presidente para as rendas de menos de 35.000 euros --"Non é unha rebaixa fiscal, é unha corrección á inflación", dixo-- e expuxo desde o hemiciclo unha reforma con medidas como elevar un 10 por cento o mínimo exento, así como aumentar de cinco a oito os tramos deste tributo para "facer unha distribución máis xusta" da riqueza.

Con respecto ao imposto de patrimonio, a portavoz nacional do Bloque pediu baixar a 300.000 euros o mínimo exento, "excluíndo a vivenda habitual". "O PP goberna para unha minoría. O BNG, en cambio, goberna para as maiorías. Miremos á xente do común e non aos multimillonarios, como fai vostede", espetoulle.

Pola súa banda, Álvarez (PSdeG) demandou que "renuncie" á bonificación extra do imposto de patrimonio: "Que ben sentarían eses 34 millóns de euros aos centros educativos e os centros de saúde desta Comunidade". Tamén lle pediu o socialista que abandone esas "competicións desbocadas entre as comunidades do PP", aínda que celebrou que Rueda, a diferenza dos seus compañeiros noutras autonomías, "non se atreve" a eliminar este tributo "porque sabe que é unha medida inxusta".

Mentres tanto, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, destacou o "exercicio de transparencia" realizado este martes polo presidente da Xunta, quen "pediu comparecer" para explicar os que serán os primeiros orzamentos elaborados polo seu goberno.

Hemiciclo durante a comaprecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento galego.. XUNTA
Hemiciclo durante a comaprecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento galego.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta