Un líder cos pes na terra

Despois dun longo tempo de silencio falou Quintana. E fíxoo no centro cultural que leva o nome dun ilustre nacionalista: Marcos Valcarcel. Na comparecencia, co local ateigado de público, maiormente galeguista e nacionalista, deu un repaso de como ve a Galicia nun momento no que é posible que teñamos preto modificacións que afecten ó modelo territorial do Estado. O título da conferencia foi: Que pasa con Galicia.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 28/10/2014

Comparte esta noticia
E con voz segura, e sen ataduras partidarias que o coartaran,  analizou os problemas que ten esta terra. Para afirmar que o nacionalismo, tal como el o entende, non é de esquerdas nin de dereitas, polo que  animou  ó inicio dun diálogo aberto que posibilite unha unión na acción na defensa dos intereses colectivos da nosa comunidade. Vinculou o nacionalismo coa proposta política  que serve para unir os galegos na procura dun maior benestar social,  desenvolvendo e potenciando  a nosa  autoestima para beneficiarnos do aproveitamento dos sectores estratéxicos,  hoxe en crise, como a agricultura, a industria, a gandería  e a pesca. Sectores   que son a base  fundamental da economía desta terra.  E desta maneira,  paso a paso con exemplos sinxelos e moi claros, sen nomear ningunha sigla, foi demostrando que a estratexia política que en diversos grupos  impera de falar, exclusivamente, dun nacionalismo de esquerdas, ou de esquerdas e dereitas, ven a ser un tanto equívoca e errada. Pois os problemas importantes nesta terra, no radican nos conflitos entre patróns e obreiros,  con ser estes importantes, pois os máis relevantes son aqueles que impiden que os nosos sectores básicos poidan desenvolverse, cuestión hoxe  imposible polas restricións políticas que aplican o goberno central e a unión europea.
 
Tamén falou do que se entende por nacionalista e galeguista, e amosou un punto de vista contrario a entender que soamente son  nacionalistas e galeguistas aqueles que falan galego. Mensaxe con carga de fondura, para  aclarar  que ninguén dá carnés de galeguismo e que a política levada ate hoxe neste eido ten que ser revisada.
 
Galicia vive nun momento crucial, pois cando se albisca unha reforma constitucional, aparece con suma debilidade política na defensa dos intereses colectivos tanto en Madrid como en Bruxelas. Por iso Quin, coa súa verba encendida, veu  para dicirnos a todos que é a hora de abrir unha fonda reflexión, pois avecíñanse tempos de transición.  E chamou a atención de que temos que ser  capaces de superar enfrontamentos ideolóxicos, para  darlle paso a un nacionalismo moderno, menos mimetizador doutros do Estado, e que fuxa da copia  de correntes ideolóxicas foráneas, que  puderon valer para un tempo, e hoxe percíbense  fora de lugar. 
 
Evidentemente que non é o momento de mirar ó pasado con ánimo crítico negativo, pero si para facer unha fonda reflexión que nos leve a buscar fórmulas que permitan que, o ideario galeguista, que  foi a base do nacemento dun  nacionalismo cívico, anime a acción política  necesaria para iste pais. 
 
Ourense, berce do galeguismo de Risco, Otero Pedrayo e outros, foi o lugar onde  ó único lider capaz de unir vontades e forzas para defender os intereses desta terra, lanzou unha proposta de unidade acción. Pois, nos últimos anos estamos a asistir á perda de institucións e empresas emblemáticas, diante a pasividade dun goberno que ve a Galicia como unha mera descentralización administrativa ou, o que é pior,  como unha gran deputación interprovincial, sin nada que ofertar para o futuro.
 
Rematou a mencionada conferencia co anuncio de que está disposto a colaborar no que humildemente poida para reflotar o galeguismo ou si o prefiren o nacionalismo galego.
Polo que se abre unha porta á esperanza, que posiblemente debera empezar despois das próximas municipais. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com