Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/10/2014 | Actualizada ás 11:52
O último anuncio "Se chove, que choia" da campaña "Vivamos como galegos" de Supermercados Gadis recibiu o seu terceiro galardón, neste caso o Premio Oro a la Eficacia de la Publicidad 2014.
A Asociación Española de Anunciantes, na categoría Especial Rexional/Local, outorgou o premio a a este popular anuncio televisivo que, ademais, resultou finalista no Gran Premio EFI, segundo explica a empresa nun comunicado.
"Se chove, que choia" logrou superar o millón de reproducións en Youtube nos primeiros meses e recibiu máis de 14.000 comentarios en redes sociais.
A campaña "Vivamos como galegos", con numerosos premios no seu haber, xa fora recoñecida pola Asociación Española de Anunciantes nas edicións de 2009 e 2010, converténdose na máis vista da publicidade española respecto ao obxectivo de planificación, con máis de cinco millóns de visitas.
Durante este ano o anuncio de Gadis foi recoñecido noutras dúas ocasións: nos Premios AMPE, que concede a Asociación de Medios Publicitarios de España, así como co Premio Aster de Mercadotecnia e Valores outorgado pola Escola de Negocios ESIC.
Os Premios Eficacia foron creados en 1997 para responder a unha necesidade común do sector publicitario: recoñecer a contribución da comunicación á consecución dos obxectivos empresariais das empresas anunciantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.