Por Moncho Mariño | Santiago | 11/11/2022 | Actualizada ás 22:00
-Que significa chegar a ser académica numeraria da Real Academica Galega das Ciencias?
Significa un grande recoñecemento por parte da comunidade científica galega a toda unha traxectoria de investigación, por tanto estou moi agradecida por este recoñecemento.
-Durante o seu discurso de entrada na RAGC indicou que a COVID e a guerra de Ucraína foron un empurrón para o debate sobre a transición enerxética. Non é un pouco tarde para seguir co debate e non sería mellor materializar o que pide ese debate?
Efectivamente, na apertura do discurso falei sobre o debate, non obstante, máis desenvolvido o discurso fixen unha serie de suxestións e políticas públicas para empurrar a transición climática considerando tamén o benestar cidadán.
-Cales foron os puntos clave do seu discurso de entrada?
Entre eles, que a partir da COVID, aínda que tiñamos intencións de acelerar o proceso de descarbonización, o certo é que non se está conseguindo. Presentei datos que mostran máximos en termos de emisións, en termos de temperatura mundial malia a situación que estamos a vivir. Todo isto indica que non estamos a vivir a transición enerxética tal cal nos propuxemos. Tamén puidemos observar durante os dous últimos anos que o proceso de cambio climático avanza agresivamente en dous aspectos: a saúde humana e a perda de biodiversidade. Sobre isto último falei dun traballo publicado en 2021 que se chama “Dasgupta review”, onde se presenta a pegada ecolóxica na biodiversidade que está causando o desenvolvemento económico. Dentro dese documento hai conclusións tan sorprendentes como que a UE está acelerando de maneira progresiva o proceso de deforestación en moitos países de América Latina. Isto deixa ver como 1/3 da nosa pegada ecolóxica é importada polo menos en perda de biodiversidade e floresta. O outro punto que tratei foi o impacto do cambio climático sobre a saúde humana, algo que aínda non observamos con atención. En particular, usei datos do Instituto de Salud Carlos III de Madrid, dun proxecto internacional chamado MOMO, onde se manifesta que entre 2015 e 2020, morreron en España sobre 3.500 persoas por ano debido a déficit ou exceso de temperatura no exterior, mortes ocasionadas por cambio climático. Este ano 2022 xa se contabilizaron 4.500 falecementos durante o verán nas vagas de calor.
-Este fenómeno afecta máis a algún colectivo social que a outro?
Os falecementos están repartidos xeograficamente. Non obstante, os datos de 2022 aínda se publicaron recentemente, mais o que si podo dicir é que se pensabamos que as vagas de calor afectarían máis ao sur de España, vemos que non é certo. No estudo de 2015 a 2020, o que teño máis estudado, sinala un maior número de mortes en provincias como Salamanca e Huesca. Insisto que o cambio climático está sendo máis agresivo do esperado e a miña visión é que superemos os niveis de temperatura en 1,5 graos durante os vindeiros anos, por tanto non se cumprirá o Tratado de París. Xa estamos sobre 1,2 graos e se isto segue así, é previsible que en tres ou catro años non deamos cumprido o Tratado de París. A partir de aí si que indiquei cal sería o impacto na cidadanía e como está percibindo o cambio climático. Tamén se veu como o discurso da cidadanía é, por unha banda, de víctimas que sofren o cambio climático, persoas que ven posibles solucións globais mediante a unión de conxuntos sociais. Tamén se pode observar que hoxe en día hai máis preocupación en 2022 que en 2019, isto en España.
A UE está acelerando de maneira progresiva o proceso de deforestación en moitos países de América Latina
-Como conflúen de maneira positiva economía e medioambiente cando a primeira é vista como esquilmadora da segunda?
É que deben confluír e non facelo é o grandísimo erro histórico que ao mellor temos cometido. Necesitamos ter o medio ambiente en boas condicións para desenvolver a actividade económica. Cando facemos intercambios de máis produción e menos calidade ambiental non o estamos facendo ben. O medio ambiente é un input para a produción de bens e servizos e sobre todo, para preservar a saúde humana e a biodiversidade.
-Cales son os eixos do seu traballo académico actualmente?
Agora mesmo traballo sobre cambio climático e incendios forestais. Sobre isto direi que Galicia é moi heteroxénea, non hai dous incendios iguais. O que si observamos en termos xerais é a importancia da prevención. Descubrimos que resulta máis barato o traballo de prevención que a restauración. Calquera medida preventiva pasa unha medida custo-beneficio se se implementa acaidamente.
-Entón por que non se vai pola vía da prevención?
Porque tamén é un gasto. Non obstante, cada vez se escolle máis a prevención, por exemplo, agora esixen ter as fincas limpas, mais se todos, incluída a Administración, estariamos nunha mellor situación. Por que non hai máis políticas preventivas? Porque ao ter orzamentos pequenos a opción máis usada é ter eses orzamentos para cando se producen os lumes.
Entre 2015 e 2020 morreron en España sobre 3.500 persoas por ano debido a déficit ou exceso de temperatura no exterior, mortes ocasionadas por cambio climático
-Durante o seu discurso tamén falou de gravar cun imposto verde a quen máis ten. Non cre que quen máis ten poida cambiar o domicilio fiscal para non verse afectado?
Iso por desgraza está a pasar. Eu dixen que os impostos deben ser progresivos, non regresivos, por tanto, os impostos verdes deben gravar a quen máis contamina e non a quen menos contamina. Ese é un impacto positivo na redistribución da riqueza e do impacto que teñen as políticas climáticas. Si é certo o que apunta na pregunta mais tamén é necesario pensar en termos de xustiza. Que é xusto? Quen contamine pague. Quen contamina máis, un gran produtor ou un pequeno produtor?
-Que quere dicir cando fala de personalizar as subvencións e os custos climáticos?
Pois que unha auténtica reforma fiscal verde e onde se considere o proceso de transición enerxética, que vai ser moi caro, debería considerar axudas tipo subvencións e impostos personalizadas. Tomemos un fogar con moi altos ingresos e outro con baixos ingresos. O primeiro pode ser aquel cun maior número de vehículos en relación ás persoas que viven nese fogar e teren unha vivenda moi grande. Mentres que o segundo fogar ten máis dificultades para cambiar determinados hábitos mesmo para afrontar a crise climática. Un fogar así pode ter dificultades para poñer placas solares, aillar a vivenda e facer rehabilitacións. Por iso apunto a necesidade de políticas públicas que teñan en conta o aspecto renda. Por exemplo, cando iamos mercar un auto, os Plan Renove, contemplaban axudas de 7.000 euros independentemente da renda da persoa que mercaba o automóbil. Iso non é de todo acertado desde a perspectiva redistributiva. O correcto é ter unha subvención para beneficiar máis as persoas que teñen menos ingresos. Por que? Porque unha persoa con menos renda teña un vehículo con peores condicións ambientais que a persoa de renda alta.
-Confía en que o cume do clima en Exipto chegue a algunha solución, polo menos a medio prazo?
Pois non o sei. A situación xeopolítica é moi complexa neste momento. Confío en que comecen a entender a situación dramática que vivimos e que estamos quedando sen tempo de actuación. Oxalá o entenderan, xa digo que o número de persoas mortas en España por cuestións relacionadas co cambio climático aumentaron un 80% este ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.