Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/11/2014 | Actualizada ás 01:15
A Praza do Obradoiro da capital de Galicia será este sábado o escenario dunha importante protesta convocada polas Marchas da Dignidade, na que participan máis de 300 organizacións en todo o estado, e 50 en Galicia baixo o lema "pan, traballo e teito".
A protesta ten como obxectivo denunciar unha situación que se considera "inxusta e perversa porque o goberno está a seguir as ordes do poder económico contra o pobo".
Para esta movilización organizáronse varias "columnas" que saen dende Coruña, Ferrol, Mariña Lucense, Lugo, Ourense, O Barco, Barbanza, Morrazo, Val Miñor e tamén Asturias. A maior parte irán en autobuses e automóbiles privados. O resto irán en marchas a pé que xa saíron dende o sur e o norte, e que afrontan os últimos kilómetros do percorrido. Tamén sairá unha columna ciclista dende A Coruña este sábado ás 6 da mañá do Obelisco.
As "columnas" chegarán a varios puntos de Santiago para acudir en manifestación ata ao Obradoiro, onde coincidirán todas ás 12:00. Alí, haberá varias actuacións presentadas por Cándido Pazo; Mini e Mero, Habelas Hainas, Ataque Escampe e a lectura do manifesto a cargo e Roberto Rivas "Ío", bombeiro activista de Stop Despexos. No resto do estado tamén haberá mobilizacións semellantes en 10 autonomías, como a acontecida o día 15 de novembro en Valencia. As Marchas da Dignidade continuarán o seu traballo a partir do día 30 de novembro cara a outra mobilización o 22 de marzo de 2015.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.