Sabes cantos festivos haberá en Galicia este 2023?

O Día das Letras e o 25 de xullo son os dous festivos elixidos pola Xunta; e Pascua, Entroido e San Roque, os máis populares a nivel local

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 01/01/2023 | Actualizada ás 10:50

Comparte esta noticia

O calendario laboral de 2023 contempla un total de 9 días festivos nacionais que se celebrarán de forma conxunta en toda España, aos que se suman catro de carácter autonómico e dous fixados polos concellos, entre os que destaca o Martes de Entroido, o luns de Pascua e o 16 de agosto, Día de San Roque.

2023 será un ano cun festivo nacional máis que o 2022. En concreto, serán festa en toda España en 2023 o vindeiro venres 6 de xaneiro (Epifanía do Señor), o 7 de abril (Venres Santo), o luns 1 de maio (Festa do Traballo), o martes 15 de agosto (Asunción da Virxe), o xoves 12 de outubro (Festa Nacional de España), o mércores 1 de novembro (Todos os Santos), o mércores 6 de decembro (Día da Constitución Española), o venres 8 de decembro (Inmaculada Concepción) e o 25 de decembro (Natividade do Señor).

Existen outros festivos comúns que as comunidades autónomas poden desprazar a outro día. Así ocorreu co xoves 6 de abril (Xoves Santo), que será festivo en Galicia, onde tamén se mantén o venres 6 de xaneiro, Día de Reyes.

A eles súmanse os dous festivos de carácter autonómico, que en 2023 serán o 17 de maio, Día das Letras Galegas, e o 25 de Galicia, Día de Galicia.

Ademais, os concellos teñen a capacidade de decretar outros dous días de festa. A opción máis popular en Galicia é a do Martes de Entroido, que este ano cae no 21 de febreiro.

FESTIVOS NACIONAIS

Entre as facultades recoñecidas ás comunidades autónomas atópase tamén a posibilidade de substituír o descanso do luns seguinte ás festas nacionais que coinciden en domingo pola incorporación doutras que lles sexan tradicionais, así como a opción entre a celebración da festa de San José (19 de marzo) ou a de Santiago Apóstolo (25 de xullo) no seu correspondente territorio.

Así, este 2 de xaneiro (luns seguinte a Ano Novo) será festa só en Andalucía, Aragón, Asturias, Castela e León e Murcia; o martes 25 de xullo (Santiago Apóstolo) só será festivo en Castela e León, Galicia, Navarra e País Vasco, e o luns seguinte ao día de San José só será festa en Madrid.

A relación de nove festividades comúns a todo o país en 2023 é a seguinte:

-6 de xaneiro: Epifanía do Señor (venres).

-7 de abril: Venres Santo (venres).

-1 de maio: Día do Traballo (luns).

-15 de agosto: Asunción da Virxe (martes).

-12 de outubro: Festa Nacional de España (xoves).

-1 de novembro: Todos os Santos (mércores).

-6 de decembro: Día da Constitución Española (mércores).

-8 de decembro: Inmaculada Concepción (venres).

-25 de decembro: Nadal (luns).

Aos días festivos nacionais sempre hai que sumar os festivos autonómicos e dous locais, ata sumar un total de 14 días festivos ao ano.

UN ANO CON VARIOS FINS DE SEMANA LONGOS

A celebración de varias festas en luns ou venres, pegados por tanto ao sábado e o domingo, permitirá contar este 2023 con algúns fins de semana máis longos do habitual no conxunto de España.

Así sucede co 6 de xaneiro (venres); o 7 de abril (Venres Santo), o 1 de maio, que en 2023 cae en luns; o 25 de decembro, que se celebrará tamén en luns, e o 8 de decembro, que será venres e que, sumado ao 6 de decembro (mércores) permitirá aos traballadores que poidan tomarse libre o xoves 7 gozar dunha ponte de cinco días.

Nas comunidades que optaron por celebrar o Xoves Santo (6 de abril), que son case todas, haberá unha ponte de catro días. E aqueles traballadores que poidan permitirse coller algún día libre, poderían alongar o fin de semana pola celebración da Asunción da Virxe (15 de agosto) en martes e a festa do Día da Hispanidade (12 de outubro) en xoves.

FESTIVOS AUTONÓMICOS

O Consello da Xunta aprobou o 21 de xullo o calendario laboral de Galicia para o ano 2023, no cal se fixan como festivos propios o 17 de maio, Día das Letras Galegas, e o 25 de xullo, Día Nacional de Galicia. O calendario foi aprobado despois do correspondente ditame do Consello Galego de Relacións Laborais.

No ano 2023 hai un festivo nacional de carácter obrigatorio que coincide en domingo, o 1 de xaneiro, que Galicia propón substituír polo 17 de maio, Letras Galegas.

Os outros tres festivos de carácter nacional son opcionais, é dicir, poden ser substituídos polas comunidades autónomas: 6 de xaneiro, que en Galicia nunca se cambia salvo que coincida en domingo; o xoves santo, que en 2023 celebrarase o 6 de abril e que na Comunidade galega nunca se modifica de forma tradicional; e dáselles a opción de elixir entre o 19 de marzo e o 25 de xullo, que sempre se elixe este último por ser o Día Nacional de Galicia, como quedou establecido no decreto 8/1978 de 10 de xullo.

FESTIVOS LOCAIS

Pola súa banda, a mediados de novembro foi publicada no DOG á resolución da Dirección Xeral de Relacións Laborais pola que se dá publicidade dos días festivos de carácter local para o ano 2023 correspondentes aos concellos das catro provincias galegas.

Así, o DOG recolle as xornadas inhábiles para os efectos laborais de cada municipio, retribuídas e non recuperables para o exercicio que vén. Ademais, tamén lembra ás empresas que deberán expor o calendario laboral nun lugar visible de cada centro de traballo, para coñecemento e consulta dos seus empregados.

Un dos días que máis se repite en multitude dos municipios galegos é o 21 de febreiro, que este ano cadra martes de Entroido, festividade que se celebra en gran parte de Galicia. O 10 de abril (luns de Pascua) ou o 16 de agosto (San Roque) tamén son outras das xornadas de festa máis reiteradas no calendario laboral galego.

Vista de fogos artificiais durante os Lumes do Apóstolo nas Festas do Apóstolo Santiago 2022
Vista de fogos artificiais durante os Lumes do Apóstolo nas Festas do Apóstolo Santiago 2022 | Fonte: César Arxina

POR CIDADES

Nas grandes cidades, A Coruña celebrará o martes de entroido (21 de febreiro) e as festas de San Juan (24 de xuño), mentres que Ferrol seleccionou este ano tamén o 21 de febreiro e o 10 de abril (luns de Pascua e A nosa Señora do Chamorro).

Ourense celebrará o 21 de febreiro e o 11 de novembro (San Martiño), así como Vigo, que volverá ter por festivo o 28 de marzo, día da Reconquista, e o 16 de agosto (San Roque).

Santiago de Compostela celebrará o 18 de maio, día da Ascensión, e o 16 de agosto, San Roque; así como Lugo, que parará o 21 de febreiro e o 5 de outubro (San Froilán). Pontevedra, pola súa banda, celebrará o 22 de febreiro (mércores de Cinza) e o 11 de xullo (San Benito).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta