A USC participa nun proxecto que procura unha acuicultura máis respectuosa co medio ambiente, evitando enfermidades nos peixes

Na iniciativa, Cure4Aqua, participan investigadores de 16 países.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2023 | Actualizada ás 16:54

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) participa nun proxecto con investigadores de 16 países, Cure4Aqua, para optimizar a resiliencia da acuicultura e conseguir que sexa máis inclusiva, segura e respectuosa co medio ambiente.

Este proxecto acaba de recibir un financiamento de case 5 millóns de euros procedentes do programa Horizonte Europa.

Os produtos do mar cultivados constitúen unha fonte importante de proteínas cunha pegada de carbono baixa, "esencial para axudar a construír un sistema alimentario sustentable", explican por parte do consorcio que integra o proxecto. Con todo, o control de patóxenos é un desafío para o sector. En Europa existe unha importante variedade de especies e sistemas de produción, o que dificulta a implementación de boas prácticas de manexo adaptadas a cada especie acuática.

Entre as accións que se executarán ata 2027 no seo deste proxecto, atópase o desenvolvemento de vacinas rendibles para previr enfermidades en peixes de cultivo; tamén se dará apoio a programas de cría selectiva para paliar a tensión e o manexo de enfermidades; trazaranse alternativas innovadoras, de base biolóxica e sustentables, aos antibióticos para o control das enfermidades dos peixes nas distintas etapas da vida; así como novas ferramentas e tecnoloxía baseada en intelixencia artificial para mellorar a saúde dos peixes e o seu benestar.

A profesora da USC Isabel Bandín participa como investigadora principal neste proxecto, coordinado desde o Instituto de Parasitoloxía da República Checa por Ivona Mladineo. "A investigación debe estar á vangarda dos cambios positivos que darán lugar a que os nosos sistemas alimentarios sexan sustentables preocupándonos polos altos estándares de saúde e benestar dos peixes. Hai unha necesidade urxente de resolver algunhas das principais deficiencias e limitacións ás que se enfronta a industria acuícola europea", explica. "Cure4Aqua abordará estes problemas mediante a construción dun enfoque cocreativo con outros actores interesados e involucrados na acuicultura", agrega.

Ademais de España e República Checa, integran o consorcio institucións procedentes de Irlanda, Reino Unido, Grecia, Dinamarca, Francia, Noruega, Alemaña, Tailandia, Polonia, Austria, Suíza, Croacia, Portugal e Chile. A outra institución española que participa neste proxecto é a Universidade Autónoma de Barcelona.

A acuicultura creceu ata proporcionar aproximadamente a metade de todos os produtos do mar que se consomen na actualidade
A acuicultura creceu ata proporcionar aproximadamente a metade de todos os produtos do mar que se consomen na actualidade | Fonte: UNIVERSIDADE DE STANFORD

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta