Esta semana continúan os traballos para valorar o estado das pinturas prehistóricas de Pala de Cabras, en Casaio

O obxectivo desta fase do traballo, a segunda, é facer unha documentación exhaustiva tanto das pinturas prehistóricas como da propia Pala de Cabras

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2023 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

A próxima semana o equipo de Sputnik Labrego volverá aos montes de Casaio para continuar os traballos de documentación e posta en valor das pinturas prehistóricas de Pala de Cabras. Estas pinturas foron descubertas en febreiro de 2019 e dende o pasado mes de novembro son obxecto dun proxecto específico co obxectivo de valorar o seu estado de conservación así como de contextualizar a súa cronoloxía e contexto histórico. 

Traballos de excavación en Pala de Cabras - cedida
Traballos de excavación en Pala de Cabras - cedida

Os traballos para a semana centraranse na documentación exhaustiva tanto das pinturas en si mesmas como da propia Pala de Cabras. Deste xeito se farán fotografías infravermellas na procura de máis motivos nas paredes da pala. Ata de agora, cerca dunha trintena de pinturas foron documentadas, mais os especialistas están seguros que hai máis. “Con este tipo de fotografías poderemos determinar non só se hai máis pinturas, senón tamén estudar mellor as que xa coñecemos, como os ídolos oculados” -di Celtia Rodríguez, coordinadora en campo dos traballos.

Pola súa parte, a documentación tridimensional da pala será fundamental para a posta en valor do sitio. “Un dos obxectivos a medio prazo é, obviamente, pór a disposición do público este sitio único. Porén, pola súa dificultade para achegarse ata aquí, será moi importante ter este tipo de información para podela ter nas redes. A xente que non poda vir directamente, poderá velo todo a través dunha páxina web” -remata Celtia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta