Concha Murguía, protagonista dunhas xornadas culturais en Oiartzun

Terán lugar nesa localidade os días 26, 27 e 28 de xaneiro para honrar a figura da nai de Manuel Murguía. Falamos delas con Xosé Estévez, historiador e escritor quirogués afincado nesta vila do País Vasco.

Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 25/01/2023 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

A localidade guipuzcoana de Oiartzun acollerá esta semana unhas xornadas que lembran a figura de Concha Murguía, nai do ilustre Manuel Murguía, e que teñen como precedente iniciático da homenaxe o 2000, ano no que se fixo o primeiro acto na súa memoria.

Placa que lembra o nacemento de Concha Murguía na Casa da Cultura de Oiartzun. Foto: Xosé E.
Placa que lembra o nacemento de Concha Murguía na Casa da Cultura de Oiartzun. Foto: Xosé E.

Para saber como xurdiu todo falamos con Xosé Estévez, intelectual que destaca polo seu labor universitario e literario como historiador afincado no País Vasco pero cun moi forte apego a Galicia dende a súa Quiroga natal.

NACEMENTO DE CONCHA MURGUÍA

Estévez lembra que a súa investigación para descubrir que Concha Murguía, nai de Manuel Murguía e sogra de Rosalía de Castro, nacera en Oiartzun empezou cando quixo comprobar que a información oficial de que nacera en Tolosa, información que incluso Vicente Risco acreditaba, non era a correcta. Tras comprobar que no arquivo diocesano de Tolosa non aparecía nada, descubriu lendo un artigo que o seu pai, de oficio organista, traballara tamén en Oiartzun. Este feito levouno a contrastar esta información no arquivo municipal desta localidade e efectivamente atopou que traballara como organista municipal do 1797 ao 1815, co cal Concha Murguía tiña moitas papeletas para ter nacido alí. Na súa visita ao arquivo diocesano de Oiartzun constatou que efectivamente estaba documentado o seu nacemento nesta vila, concretamente no ano 1806 e no que hoxe é a Casa da Cultura.

MEMORIA E RECOÑECEMENTO

Coñecida a información anterior, o quirogués Xosé Estévez promoveu un acto homenaxe para honrar a súa figura sendo o ano 2000 o primeiro que se fixo. Ese ano, lembra Estévez, inauguraron o acto o Alcalde de Oiartzun e o Deputado de Cultura; presentouse un libro sobre a ascendencia vasca de Manuel Murguía –escrito en galego e en euskera-- e como remate fíxose unha pequena festa galega.

Ofrenda floral no 2010. Foto: Xosé E.
Ofrenda floral no 2010. Foto: Xosé E.

Dez anos despois, no 2010, o acto homenaxe pasou a ser un recital de poesía vasco-galega musicado, contando nunha ocasión incluso co recoñecido músico Kepa Junkera.

XORNADAS DE HOMENAXE A CONCHA MURGUÍA 2023

Dende hai uns anos a programación da homenaxe á nai de Manuel Murguía alónganse durante varias xornadas, coincidindo as deste ano nas seguintes datas: 26, 27 3 28 de xaneiro.

O 26 de xaneiro ás 19:00 h. no Salón de Actos do Concello de Oiartzun haberá unha conferencia impartida por Xosé Estévez baixo o título: “A ascendencia oiartzuarra de Manuel Murguía, esposo de Rosalía de Castro”.

O venres 27 ás 19:00 h., tamén no Salón de Actos do Concello de  Oiartzun, terá lugar o recital musicado vasco-galego. Intervirán como músicos/as Edurne Saizar, ao piano; Haizea Lekuona, á frauta; e Oihane Mitxelena, ao acordeón. Recitarán poemas de Sechu Sende, Quique de Roxíos, Rosalía de Castro, Anxo Angueira e Antton Kazabon: Antton Kazabon, Anxo Angueira e Xosé Estévez.

Sábado 28. Ás 11:30 h. procederase ao acto simbólico da plantación dunha figueira –árbore preferida de Rosalía-- no antigo Camposanto de Oiartzun, a carón da casa onde naceu Concha Murguía. Intervirán Josune Cousillas, concelleira de Cultura, e Anxo Angueira, poeta, profesor da Universidade de Vigo e Presidente da Fundación Rosalía de Castro.

A continuación, ás 12:00 h. farase unha ofrenda floral e homenaxe a Concha Murguía na Biblioteca Municipal Manuel Lekuona. Rematada a ofrenda haberá un refrixerio e actuarán Lartaun Txitulari de Oiartzun, e o Grupo de Gaiteiros Trisquele da Casa de Galiza de Donosti.

Organizan e patrocinan o acto: Fato Cutural Daniel Castelao, de Pasaia, e o Concello de Oiartzun.  

Intervención de Xosé Estévez no acto homenaxe do 2019. Foto: Xosé E.
Intervención de Xosé Estévez no acto homenaxe do 2019. Foto: Xosé E.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta