A obsesión uniformista

Escrebín este día nun artigo doutra xeira que Galicia aproveitara ben a súa competencia en Dereito Civil para se aproximar ás novas realidades sociais ao lexislar unha substancial liberdade de disposición testamentaria, ao tempo que se axustaba á tradición xurídica galega ao recoñecer institucións tan útiles como o testamento mancomunado ou os pactos sucesorios. E axiña houbo quen defendeu a unificación lexislativa, sen matinar nas diferentes realidades sociais que esixen pluralidade de respostas normativas e sen se decatar que a autonomía política diferénciase da mera autonomía administrativa precisamente na capacidade de lexislar distinto.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 21/12/2014

Comparte esta noticia
É evidente que a coordinación ou mesmo certo grao de unidade lexislativa da fiscalidade e dos Dereitos Mercantil e Laboral é precisa para dotarmos a Unión Europea dun acervo común coherente. Mais as respostas lexislativas no Dereito Civil e Administrativo haberían ser diferentes, como diferentes son cadansúas realidades sociais e  estruturas cívicas e económicas de, por exemplo, Galicia, Canarias, Murcia, Bavaria, Escocia ou o Piamonte.
 
Cál é a causa desta obsesión uniformista, deste eterno pulo irracionalmente centrípeto que adoitan exercer dende o centro do Estado os media e determinadas elites financeiras, universitarias e políticas? Porqué un país como Galicia, coa metade dos núcleos de poboación do Estado e sen unha gran capital ha partillar a lexislación de horarios comerciais madrileña, pensada para un macroespazo urbano de seis millóns de persoas? As razóns son tanto de prexuizo ideolóxico (as elites da España tradicional non aturan a distribución do Poder nin a autonomía dos distintos territorios á hora de elixiren cadansúas decisións) como do interese económico destas elites pola recentralización. Dito doutro xeito, que Galicia, por exemplo, non poida pór canles á cobiza de determinados axentes económicos.
 
  En realidade, tras desta obsesión uniformista latexa o medo ao cambio e a dificultade para operar en espazos máis libres e participativos. Ou, si preferir, o medo a traballar en rede e horizontalmente e a pulsión para manter un Estado xa inviábel, cun só cerebro que pense  e dirixa todo. A pulsión, xa que logo, por parar as agullas dun reloxio que camiña inexorábel.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.