A quen corresponda

Hai moitos anos, máis de dez, o cantante catalán Joan Manuel Serrat lanzara ó mercado un disco no que incluía unha cantiga que tiña o título deste comentario. Nela seguindo o modelo de instancia pedía a quen correspondese a solución dunha serie de problemas da sociedade do momento.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 06/01/2015

Comparte esta noticia
Ben, pois por aquelo de seguir un pouco a súa estela, dado que Serrat nas súas cantigas sempre manda unha mensaxe positiva, e despois de escoitar no balance anual  ó Sr. Rajoy debuxar un pais case idílico o que  lle prometeu moi  boas novas para o 2015,   gustaríame pedirlle a el e a todos os gobernantes, pois por pedir que non quede, unha serie de cousas que necesitan ser resoltas polo ben de todos.
 
A primeira cousa que eu pediría a quen nos goberna no Estado como tamén a quen o fai en  Galicia que  trate ós cidadáns como persoas adultas e responsables e non como xoguetes ós que se lle contan trolas piadosas e se lle fan promesas fermosas para que voten aínda que, despois de sentirse enganados, se rebelen e, para evitar as protestas,   promúlganse leis que coartan a súas liberdades individuais e colectivas. Ou sexa: que non se nos pretenda enganar permanentemente. Polo tanto, o primeiro é sinceridade e sobre todo non prometer o que de antemán xa se sabe que non se vai a  facer, ou aínda peor, pois   farase o contrario do que se dixo.
 
 O segundo é que non se manipulen os datos para tratar de demostrar que se goberna  sen facer ren. Pois, por exemplo, estanse manipulando descaradamente os datos  derivados da reforma laboral que tanto precarizou o emprego; os datos da afiliación á seguridade social, os do paro, os do número de persoas que emigran buscando traballo;  os datos do fondo da seguridade social, etc. E todo para debuxar un pais que non existe e xustificar a acción dun goberno distante do que acontece na rúa e dos problemas das familias. 
 
No terceiro lugar pedir que, cando se fala de corrupción,  sobre todo os que queren dar  leccións dende o goberno de honestidade, admitan que teñen que dar exemplo. Ou sexa: recoñecer que onde hai máis corrupción é onde hai poder e, seguindo esa premisa, aceptar que é necesario pedir perdón a unha sociedade polos abusos e ilegalidades cometidas dende o poder que foron e son moitos. E para elo  non impedir o normal funcionamento da xustiza, por mor de non  aceptar que están cheos de merda  ata as orellas e poden ser condenados moitos dos seus cargos.
 
Aceptar e corrixir estas cuestións, serían as premisas que nos levarían a que un goberno tivera algo de credibilidade, cousa que a día de hoxe non existe.
 
Logo, a continuación virían as demais reivindicacións que hai que atender. Que a economía estea ó servizo da xente; que necesitamos trocar a política económica para poder medrar e saír do marasmo actual; que hai que protexer e incentivar os servizos básicos como a sanidade e a educación que lle dan coherencia e unidade á esta sociedade; que temos que preservar o medio natural; que hai que incentivar a cultura e a defensa dos valores dunha sociedade máis xusta no social, e un longo etc.
 
En fin, que sabedor de que en ano electoral, van ser moitas as promesas que escoitemos, sobre todo dende o poder, e que a gran maioría, por non dicir todas, serán incumpridas,  pediríalle a quen corresponda, para que sexa crible, que faga un acto de contrición  para que, o ano vindeiro, a crise que seguirá campando,  sexa máis levadeira para todos. O tempo dos inocentes xa pasou, e agora toca afrontar as realidades que son algo moi distinto do que se predica dende o goberno.
 
Feliz 2015 para  todos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com