Esa esquerda caladiña e cómplice

No verán do 2001 ou 2002, non lembro ben, pasei, xunto cun bo amigo, un mes en Ecuador. Percorremos boa parte do país coñecendo de primeira man proxectos de organizacións ecuatorianas que recibían o apoio de ONGs galegas. Unha das zonas ata a que nos achegamos foi Esmeraldas.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 16/03/2023

Comparte esta noticia
Alí visitamos unha escola e estivemos falando coas mestras. Daquel día quedou unha foto, sacada dende a parte de atrás da aula, na que se vían aos nenos e nenas atendendo unha lección. Non era unha foto para gañar ningún premio, pero tiña un algo. Quedara un pouco desenfocada, pero recollía o que se sentía naquela escola, apenas un teito de palla e unhas paredes de táboas de madeira: interese por aprender, curiosidade... Aquela instantánea quedou gardada xunto con outras moitas que fomos facendo ao longo das semanas que durou a viaxe: imaxes dos proxectos mesturadas coas dos momentos de ocio e dun algo de turismo.
 
Un tempo despois, a finais de 2003, na Coordinadora Galega de ONGDs ocorréusenos facer un calendario, e a foto tomada naquela escola reapareceu. Foi a que escollemos para ilustrar a calendario. Faltábanos algunha frase para incluír, un lema, e logo de pensalo alguén propuxo unha da escritora nicaraguana Gioconda Belli, “A solidariedade é a tenrura dos pobos”. Non o dubidamos. Unhas semanas despois tíñamos aquel calendario listo para distribuír. 
 
Creo que quenes participamos naquela reunión quedáramos prendidos da frase. A fin de contas aquelas poucas palabras recollían a esencia do noso traballo: a solidariedade coas persoas, a solidariedade dende o carón, dende o poñerse na pel do outro, na pel das mulleres e dos homes, e dos colectivos, que non teñen voz,  a carón daqueles que sofren a pobreza, a exclusión, a represión, a mesma negación da súa existencia.
 
Hai un ano, nunha das reunións do Consello Galego de Cooperación, no que sigo a participar como membro independente, a iniciativa da Coordinadora Galega de ONGDs interviñeron, en liña, dous representantes de organizacións do Sur, unha delas boliviana e unha nicaraguana, a Fundación Instituto Las Segovias, representada pola súa presidenta Haydée Castillo, naquel momento, como hoxe, exiliada en Estados Unidos, a onde chegou fuxindo da represión do réxime encabezado por Daniel Ortega e Rosario Murillo. Sobre o traballo desta activista dos Dereitos Humanos a Coordinadora publicou unha unidade didáctica “Sementeira de Paz”, que se pode obter en www.galiciasolidaria.org . Haydée Castillo narrou, dende o coñecemento propio, as atrocidades que se comenten todos os días en Nicaragua, intensificadas dende as revoltas populares de 2018, que foran esmagadas a sangue e morte.
 
Cando remataron de falar as organizacións convidadas houbo unha rolda aberta de intervencións. O primeiro en tomar a palabra foi o representante das organizacións sindicais, pertencente á Confederación Intersindical Galega, CIG, organización que non oculta as súas simpatías por diversos réximes represivos arredor do mundo. A acta da sesión é neutral ao recoller as verbas do sindicalista: “... manifesta a súa desconformidade respecto do que considera unha falta de idoneidade destas intervencións no marco dunha sesión ordinaria do Consello...”. Nas miñas notas tiña recollidas outras cousas: cualifica as intervencións de sesgadas, tendenciosas, e defende a existencia dunha “realidade alternativa” á que Haydée Castillo narrara, e que non deixaba de ser a mesma que podemos atopar en todos os medios de comunicación independentes ou nos informes das organizacións internacionais de defensa dos Dereitos Humanos. Cando escoitei o de “realidade alternativa” pegara un brinco na cadeira... “realidade alternativa”... unhas verbas que sempre escoitara na boca de representantes da extrema dereita internacional, dende Trump a Abascal, pasando por Bolsonaro e agora xa de uso común por unha organización que adoita encher os seus carteis de estrelas vermellas!.
 
Ninguén dubidaría nin un momento en cualificar á CIG como unha organización sindical de esquerdas: desa esquerda que ante as atrocidades de réximes totalitarios permanece calada.
 
A Gioconda Belli, a autora daquela frase que hai 20 anos utilizamos naquel calendario, o réxime de Ortega e Murillo a privaron, hai unhas semanas, da nacionalidade nicaraguana... A ela e a outros centos de persoas. Tamén a Haydée Castillo. Tamén a Sergio Ramírez. Tamén ás que foran comandantes guerrilleiras Mónica Baltodano e María Tellez. Tamén aos comandantes no FSLN, que loitaran contra a dictadura de Anastasio Somoza, Moisés Hassan e Luis Carrión.
 
Ningún deles, ningunha delas,  vai atopar tenrura ou solidariedade nunha parte da esquerda: desde logo non no BNG, non nunha grande parte de Podemos.
 
Tampouco van atopar tenrura ou solidaridade as mulleres, e os homes, que en Irán loitan contra o réxime teocrático dos aiatolas. Si algo chama a atención da actitude de Podemos ou do BNG e a case inexistente denuncia do que en Irán acontece. As críticas á represión son escasas. Unha vez mais estamos ante esa esquerda que prefire manterse calada. Calada e cómplice. Os mortos pola represión cóntanse a centos, pero semella que para Ana Pontón ou Ione Belarra non existen.  Son nada. Seguramente Pontón ou Belarra pensarán que lle deben respecto  ao réxime que subministra drons a Putin para que poda aniquilar tranquilamente á poboación ucraína. Xa se sabe... un voto de confianza para os amigos dos meus amigos...
 
En 2022 o Comité Noruego do Nobel, outorgou o Premio Nobel da Paz, de forma conxunta, á ONG rusa Memorial, disolta por orde de Putin o ano anterior, ao Centro de Liberdades Civís de Ucraína e ao activista bielorruso Ales Bialiatski, fundador e director da ONG Viasná (Primavera). Bialiatski acaba de ser condenado polo réxime ditatorial de Aleksandr Lukashenko, un monicreque de Moscú, a 10 anos de cadea. Non é a primeira condena. A defensa dos Dereitos Humanos, a denuncia da represión, pagase moi caro en moitos sitios. 
 
Ales Bialiatski non vai atopar nin tenrura nin solidariedade nesa esquerda que permanece calada e cómplice tantas veces. Non agardemos mensaxes de apoio por parte de Ana Pontón ou Ione Belarra. Non agardemos ningún xesto de simpatía. 
 
Poderiamos seguir enumerando os silencios cómplices do BNG e Podemos cunha pléiade de ditadores ao longo do mundo, e rematariamos falando de Ucraína, falando da guerra de Rusia contra o pobo ucraíno e como esa esquerda permanece, no mellor dos casos, caladiña; pero tamén, aquí, entre nos, moitas veces convertida en defensora activa dos intereses do Kremlin, mesmo dende os seus postos no goberno do Estado: boicoteando no propio Consello de Ministros as decisións necesarias para concretar a entrega de armas coas que o exército ucraíno poda defenderse da agresión imperialista rusa, ministras manobrando para retrasar as entregas ou minimizar estas, facendo correr bulos nos medios de comunicación co obxectivo de confundir á opinión pública en beneficio dos intereses de Vladimir Putin... 
 
Unha esquerda calada ante as ditaduras e cómplice da represión criminal en Nicaragua, en Irán, en Bielorrusia, en Rusia... Unha esquerda incapaz de tenrura, incapaz de solidariedade. Eu aínda me sorprendo, pero non me calo. E non quero ser cómplice.
 

Bandeira galega e republicana no Parlamento Europeo
Bandeira galega e republicana no Parlamento Europeo | Fonte: Youtube
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.