Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/03/2023 | Actualizada ás 22:35
Ecoloxistas en Acción acaba de presentar unha guía sobre como abordar a resistencia contra a minería. O obxectivo, din os ecoloxistas, é guiar os primeiros pasos das persoas e colectivos que se enfrontan por primeira vez a un proxecto mineiro na súa localidade.
Nun comunicado, lembran que, durante as operacións mineiras, con frecuencia contamínase o aire e a auga con produtos químicos tóxicos, como o cianuro, o chumbo, o arsénico, o cadmio, o mercurio e o ácido sulfúrico. Isto provoca enfermidade e morte tanto a persoas como á biodiversidade da zona (flora e fauna), así como graves afectacións á calidade do aire, a auga e a terra.
Por iso, Ecoloxistas en Acción confeccionou a guía ‘Como defenderse ante a ameaza dun proxecto mineiro’ para defender o territorio ante as ameazas ambientais. "A medida que as corporacións aumentan o seu control sobre a toma de decisións en todo o mundo, a cidadanía perde capacidade para resistirse ou defender os seus dereitos, á vez que os gobernos se decantan máis por privilexiar ás grandes corporacións en lugar de velar polos dereitos da cidadanía e o medio ambiente", destaca na nota.
A organización ecoloxista sinala que estas empresas extractivas son poderosas, con armazóns mercantís de acceso a múltiples sectores de actividade e grandes grupos de accionariado, que non dubidan en perpetrar abusos contra os dereitos humanos e o medio ambiente para incrementar os seus ingresos e favorecer os intereses económicos do accionariado.
Así mesmo, alertan de que o extractivismo conta a miúdo coa complicidade dos gobernos "para expoliar os recursos dun territorio e amoldar as leis á súa conveniencia, sen responsabilidade ambiental algunha". "Mesmo procuran, mediante armazóns societarios, non custear a rehabilitación ambiental da zona afectada, sen facerse cargo de accidentes e sen pagar sancións", din.
Entre os consellos que dan, a mobilización social. "Un rexeitamento da comunidade que non lles garanta a licenza social para operar pode escorrentar aos investidores e cancelar o proxecto extractivista... O talón de Aquiles das mineiras está no rexeitamento social”, subliña Cristóbal López, voceiro da federación galega de Ecoloxistas en Acción.
O manual recolle dez apartados para defender o territorio ante proxectos tan daniños ecolóxica e socialmente como a minería. Nel explícase desde como documentarse sobre o proxecto mineiro, cales son as afeccións ambientais máis significativas ata como organizar á comunidade para repeler as represalias das empresas mineiras ou os gobernos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.