Música, poesía e andainas para defender o Suído da depredación eólica

A Plataforma Sur Da Dorsal Galega organiza o I Festival do Suído o sábado 15 de abril na Laxe, Fornelos de Montes.

Por Galicia Confidencial | Fornelos do Monte | 31/03/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Música, poesía, un roteiro e un coloquio son algúns dos ingredientes do I Festival do Suído que terá lugar ao longo do día 15 de abril na Laxe, Fornelos de Montes. A Plataforma Sur da Dorsal Galega promove esta iniciativa que ten como obxectivos dar a coñecer os valores naturais e culturais do Suído e mostrar a oposición a instalación do megapolígono eólico Carballoso que está previsto instalar nesta serra de extraordinaria riqueza paisaxística, arquitectónica e ecolóxica.

Paisaxe con turbeiras na Serra do Suído
Paisaxe con turbeiras na Serra do Suído | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Carme Carreiro, Xavier Oitavén e José de la Riera, representantes da Plataforma Sur da Dorsal Galega, presentaron este venres en Fornelos de Montes o programa do I Festival do Suído que se prolongará ao longo de todo o día e incluirá actuacións artísticas e un achegamento aos valores do Suído cun roteiro guiado por especialistas e un coloquio posterior.

O programa iniciarase ás 11:00 co roteiro que incluirá no seu percorrido elementos característicos do Suído, desde construcións en pedra seca até elementos naturais de especial valor, conducido por persoas que coñecen ben o territorio. A seguir, iniciarase o programa artístico na sesión vermú, coa participación de poetas como Silvia Penas, Miriam Ferradáns, Anxo Angueira e Ana Fernández.

A música correrá a cargo de Su Garrido, Tino Baz, Antilia e Tonhito de Poi e o coloquio incluirá a participación de especialistas na riqueza natural e patrimonial do Suído como son Xosé Lois Vilar, Xosé Prendes, Xulio Eiroa e Adela Figueiroa.

"A RIQUEZA DO SUÍDO"

"Con este programa queremos dar a coñecer a riqueza do Suído e, para iso, consideramos que a música e a poesía son unha boa ferramenta, en especial, da man de persoas que están comprometidas tamén cos nosos obxectivos de defensa da terra fronte esa ameaza que temos sobre as nosas cabezas que é o parque Carballoso", sinala Carme Carreiro que destaca a xenerosidade de todas as persoas que participan no festival, tanto na parte artística como na organizativa.

Carme Carreiro, Xavier Oitavén e José de la Riera, representantes da Plataforma Sur da Dorsal Galega informan do I Festival do Suído
Carme Carreiro, Xavier Oitavén e José de la Riera, representantes da Plataforma Sur da Dorsal Galega informan do I Festival do Suído | Fonte: remitida

Ademais, no festival haberá varios postos de comida,que inclúen, entre outras cousas,  polbo e hamburguesas de carne do Suído e as persoas asistentes poderán levar a súa comida para permanecer durante todo o día ná área recreativa en que se desenvolverá boa parte do programa. O encontro desenvolverase na área Recreativa da Airoa, na parroquia da Laxe, concello de Fornelos de Montes, un dos enclaves de entrada da Serra do Suído.

"Quixemos facer un festival singular como único é o monte Suído", sinala Xavier Oitavén, integrante tamén da plataforma que confía que con esta iniciativa "podamos dar a coñecer os valores que explican a nosa oposición á invasión eólica, mostrar a riqueza deste monte que dá auga a Vigo, un patrimonio único e pouco coñecido que temos que defender porque está en xogo o futuro dun ben preciado para esta terra, un monte que é a nosa riqueza e tamén a nosa memoria".  Entre outras cousas, no festival insistirase na demanda de que o valor natural e cultural do Suído sexa recoñecido e protexido e que forme parte da Rede Natura ademais de ser declarado Paisaxe Cultural e Parque Natural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta