É o turismo un gran invento?

No eido turístico é imposible crecer e crecer sen danar a calidade do produto que vendemos. E non digamos nada, xa, de cuestións medioambientais ligadas á sostibilidade de tales recursos. Se na Fraga do Eume ou na Devesa da Rogueira nos xuntamos na Semana Santa moitísimas persoas, temos un problema. O mesmo que en calquera outro lugar, especialmente se é de especial protección. Pero, entón.... que facemos?

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 10/04/2023

Comparte esta noticia
Recordan a película de Pedro Lazaga que se chamaba “El turismo es un gran invento”? O filme, do 1968, falaba de como un alcalde de Aragón decidía poñer ao seu municipio no mapa do turismo, co fin de promover o desenvolvemento do territorio. Unha teima que o paso do tempo non esmoreceu de ningunha maneira, senón que segue a ser de grande actualidade. Turismo como forma de vivir mellor e de desenvolver a nosa sociedade? Si ou non? E, sobre todo, ata onde?
 
O que é incontestable é que o turismo e todo o que se move arredor del representa un dos máis importantes capítulos de ingresos hoxe no país. É máis, se de repente tivésemos que renunciar a tal inxente entrada de recursos, sería facelo a un oito por cento do PIB, aproximadamente, tendo chegado a un impresionante 12,4 por cento no 2019, previamente á pandemia da Covid-19. En cifras do 2021, estamos falando de case cen mil millóns de euros. E, polo que se ve, e na senda de clara recuperación dos volumes anteriores, neste 2023 a cousa irá moito máis arriba. Se falamos de postos de traballo, outro dos grandes indicadores da potencia dun sector, o conto é o mesmo, cun fondo impacto xeral del na economía de máis do dez por cento do emprego total. O turismo, por isto e por moito máis, xera un potente dinamismo económico nun país que, desde hai décadas xa, é un dos referentes mundiais no sector. Nada novo ata aquí.
 
Desde tal punto de partida, a idea é se poden e deben seguir crecendo tales números, ao prezo que sexa. E aquí é onde hai unha profunda diferencia entre o sector turístico e moitos outros, o cal o fai especialmente vulnerable a unha hipotética demanda infinita. Vexámolo cun exemplo. Imaxinen que eu vendo auga ou cervexa. O número de persoas que poden acceder ao meu produto dependerá da miña capacidade de produción e de distribución, de forma que se eu argallo os mecanismos oportunos nestas dúas actividades, podo aspirar a crecer dunha maneira máis ou menos indeterminada, incluso abrindo novas plataformas produtivas no seo doutros mercados. Pola contra, se o meu produto é, poñamos por caso, a existencia e desfrute da Torre de Hércules ou as Illas Cíes, un acceso aos mesmos por parte de máis persoas, máis  aló de certos límites, irá en menoscabo da calidade da experiencia para todos os presentes alí. Por que? Porque ou ben unha maior afluencia é conseguida masificando máis o recurso e o seu entorno ou, alternativamente, poñendo cotas á duración das visitas ou a outros parámetros, e incidindo negativamente en tal experiencia. E non me digan vostedes que limitando as mesmas, porque entón xa están aceptando que non é posible un crecemento indeterminado, “ad infinitum”.
 
Con todo, no eido turístico é imposible crecer e crecer sen danar a calidade do produto que vendemos. E non digamos nada, xa, de cuestións medioambientais ligadas á sostibilidade de tales recursos. Se na Fraga do Eume ou na Devesa da Rogueira nos xuntamos na Semana Santa moitísimas persoas, temos un problema. O mesmo que en calquera outro lugar, especialmente se é de especial protección. Pero, entón.... que facemos? Porque o que está claro é que hoxe, institucionalmente, a consigna en moitos lugares do noso país é “canto máis, mellor”. É posible isto? É bo, mesmo tamén para unha industria turística que, así, ve que moitos dos seus activos vense prexudicados? E é conveniente, cun criterio moito máis amplo, desde a devandita sostibilidade e coa mirada posta na conservación do que temos?
 
Para min, e o digo mirando ao mar hoxe, despois duns días máxicos de incursión nas belas paisaxes do alto Ebro alá por Pesquera, Valdelateja e Orbaneja del Castillo, case en completa soidade previa á tolemia desbordante da Semana Santa, tal mantra do “máis é máis” non vale no turismo, e pode ser a causa dun desastre futuro. En realidade penso que tampouco é adecuado, sen matizar, en moitos máis sectores, pero este que hoxe analizamos é, polo dito, especialmente vulnerable a tal política, que para min é pouco axeitada. E entón o adecuado é o “menos é máis”? Pois dito así, sen máis argumentos nin especificacións, tampouco. Seguramente haberá que fiar moi fino, e deixarse de lerias xerais e pouco adaptadas a cada recurso e momento. Pero algo haberá que facer porque... o contrario é estragar os nosos recursos, o noso turismo futuro, a nosa contorna e, tamén,... as nosas vidas.
 
Viron vostedes como están algunhas das nosas vilas máis senlleiras en días como os referidos, coa Semana Santa como expoñente máximo desta loucura? Meten medo, pola dificultade de desfrutalas de xeito máis ou menos tranquilo. Na fermosa praza Real de Pontedeume é difícil tomar un café nun dos fantásticos locais que se poñen a tope. Na praia de As Catedrais xa non lles conto, aínda que aí si que a opción foi o limite no aforo, co cal xa van un paso ou máis por diante. Compostela, impresionante sempre, adquire a horrorosa condición de parque temático nalgúns dos seus recunchos máis belos e feiticeiros. E así poderíamos seguir repasando os sitios máis especiais de Galicia e, en xeral, de toda España. 
 
Non me critiquen vostedes chamándome esaxerado, que hai situacións verdadeiramente límite nestes tempos de saídas xeneralizadas, que estragan a posibilidade de desfrute do recurso. Probaron vostedes a facer a “Ruta del Cares” nestes días? Vaian, vaian, e logo tenten comer en Caín, o que a veces é moi, pero que moi difícil. Obviamente hai algo tamén ideolóxico e de personalidade en todo o que digo, xa que estou condenado -como todas e todos- a ver a realidade cos meus ollos, e non con outros. Pero o que lles relato aquí, e tamén terán experimentado, supera ás miñas sensacións e mesmo ao que eu racionalizo. A masificación que produce unha perda na calidade do produto turístico vai moito máis aló da miña percepción, que por outra parte tamén é, seguramente, máis sensible que moitas outras a tal fenómeno.
 
En fin, coidemos o que temos. E unha maneira de coidalo é ver como pode ser desfrutado por todo o que queira facelo, pero dun xeito racional e ordenado, e non por amoreamento e a calquera prezo. Algo que debería ser definido máis e mellor agora, en horas altas, anticipándonos aos problemas. Ou non?
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Numerosos vehículos circulan pola autovía A-3 no inicio da Semana Santa
Numerosos vehículos circulan pola autovía A-3 no inicio da Semana Santa | Fonte: Alejandro Martínez Vélez - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.