Os erros históricos do PSOE

Pablo Iglesias fundou o PSOE no 1879. E axiña foi construíndo unha mesta organización político-sindical á que converteu nunha potente forza de masas entre 1910 e 1918

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 22/02/2015

Comparte esta noticia
Mais logo comezarían os erros históricos desta organización. En  1923 Primo de Rivera implantou unha ditadura militar á que a maioría socialista (por proposta de Largo Caballero) lexitimou ao aceptar a súa participación no Consello de Estado. O mesmo Largo Caballero refugou, dende a súa saída do goberno-outubro do 1933- a vía institucional e democrática para pular pola vía revolucionaria, chegando  dicir que cumpriría no futuro unha resposta armada e que habería ir cara ela. Nestes anos o PSOE estaba dividido entre o sector revolucionario de Largo Caballero, o centrista de Indalecio Prieto e a dereita dun meu colateral devanceiro, o profesor Julián Besteiro, de orixe galega.
 
Durante a II República o PSOE, fídel á súa alma xacobina, fixo o posíbel  por atrancar a aprobación do Estatuto de Galicia. No 1939, Besteiro adheriu á capitulación incondicional do coronel Casado confiando en Franco como mal menor: “de certo que nos vai deixar manter viva unha UGT ao xeito das Trade Unions”. Acertou de cheo.
 
Indalecio Prieto, manexou de xeito abxecto uns fondos de axuda aos refuxiados españois entre 1939 e 1942, até que o Goberno mexicano, escandalizado, pasou controlar estes fondos. O mesmo Prieto que vetou a aprobación, outravolta, do Estatuto de Galicia nas Cortes de México no 1945 e tentaba vetar a Castelao como ministro do goberno republicano.
 
No 1976, a Federación socialista galega do PSOE case non existía. Eran Paco Vázquez, Salvador F. Moreda e outros tres. A socialdemocracia galega aliñábase no Partido Socialista Galego (PSG), fundado no 1963. O PSOE, cos cartos da Fundación alemá Friedrich Ebert, fanou dende dentro ao PSG para acadar a súa destrución, ceibando así o campo.
 
En maio do 2010 Zapatero rendeuse ás presións de Merkel e Sarkozy e en outubro do 2011 o PSOE pactou co PP blindar constitucionalmente o pago dos xuros da débeda a respecto dos servizos públicos do benestar. Mais o PSOE xa tiña tradición na adopción de decisións que constitúen, de seu, erros históricos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.