Por Europa Press / Redacción | | 24/05/2023 | Actualizada ás 19:03
O conselleiro de Medio Rural, José González, apuntou nun acto do PPdeG celebrado no municipio ourensán de Sandiás que os requirimentos ambientais da Unión Europea "van acabar coa agricultura e a gandaría en Galicia, en España e en Europa".
"Os requirimentos ambientais están a facer que Europa se dispare un tiro no pé, así de claro. Estamos a pór unhas esixencias ambientais, tantas trabas aos nosos agricultores e gandeiros, que imos acabar coa agricultura e a gandaría en Galicia, en España e en Europa", afirmaba o conselleiro en Sandiás, tal e como se recolle nun vídeo da súa intervención compartido nas redes sociais do PP da localidade.
José González admite ademais que, "cando empezou" como conselleiro, "era un pouco máis proclive ao tema ambiental". Agora non está de acordo coa política europea e considera que vai derivar en que "todo o campo galego vaia quedando abandonado e cheo de jabalíes, de corzos e de lobos".
Así mesmo, o responsable de Medio Rural aseverou que o 70% a superficie queimada en Galicia en 2022 estaba en espazos de Rede Natura. "Algo falla se cos compromisos ambientais e a protección que nos están impondo o único que logramos é que arda todo cando vén un incendio no verán", apuntou, engadindo que "se houbese a gandaría que había fai 50 anos", isto non ocorrería.
"A ÚNICA CULPABLE É A XUNTA"
Precisamente, ao fío destas últimas afirmacións, o eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, respondeu que "a única culpable de que arda a Rede Natura, a xoia da coroa do patrimonio ambiental galego, é a inoperancia e incapacidade do Goberno do PP na Xunta".
Mediante un comunicado, Casares tachou as declaracións do conselleiro de "irresponsables" e censurou a "incapacidade" da Xunta para responder as necesidades do medio rural galego. Segundo o eurodeputado, "se a Rede Natura arde, é pola incompetencia da Xunta á hora de protexer o territorio e de elaborar un plan director que incumpre a normativa comunitaria, tal e como recoñeceu a Comisión Europea co procedemento de infracción aberto".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.