Corrupción e proceso penal

O Goberno do Estado ven de aprobar o proxecto de lei para a reforma da lexislación procesual penal.Unha reforma totalmente limitada e continuista, que non resolve os problemas das nosas investigacións penais.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 15/03/2015

Comparte esta noticia
Os titulares desta reforma son a substitución do termo “imputado” por “investigado” (na liña do “argüido” do proceso penal portugués) e máis  a fixación de prazos máximos para as investigacións: 6 meses para as pescudas sinxelas e 18 meses para as complexas. Estes prazos serán máis ou menos ampliábeis “á carta”, mais sempre co acordo do Ministerio Fiscal,co risco de que o Fiscal Xeral do Estado, a medio da súa potestade xerárquica, poida pechar en falso as investigacións penais de corrupción e semellantes que non lle interesen ao Goberno do Estado, sexa cál fór o que estea por quenda.
 
Mais o proxecto non aborda as grandes cuestións da xustiza penal no Estado español: a dotación de medios materiais e humanos e máis a atribución da instrución penal a unha Fiscalía totalmente independente do Goberno. Unha Fiscalía dirixida, en cadanseus ámbitos (autónomos entre si) por un Fiscal Xeral estatal e un Fiscal Superior de Galicia elixidos por cadanseus parlamentos por maiorías cualificadas (2/3 ou 3/5, cando menos). 
 
Esta atribución á Fiscalía da competencia de investigación penal habería acompañar a atribución aos xuices de instrución das competencias de control xudicial do proceso, para garantir a igualdade de dereitos entre as partes (con nomeada atención á defensa e á acción popular) e que todas as medidas cautelares (fianzas, embargos, a excepcional prisión preventiva) se adoptasen por órganos independentes dos que levan a instrución. Non se pode repenicar e estar, ao tempo, na misa. Non se pode darlle pulo á investigación e, ao tempo, mirar polos dereitos dos investigados.
 
Canto aos medios, contamos con pouco máis da metade dos xuices que nos corresponderían dacordo cos parámetros do resto da unión Europea. E velaí o grande problema que manca a nosa xustiza penal. Ao que compre engadirlle a non cobertura de vacacións e baixas do persoal administrativo e recurtes nos demáis medios materiais, éstes xa da plena responsabilidade da Xunta de Galicia. 
 
O problema, daquela, é de medios e de concepto. Non de amaños trapalleiros nin de propaganda.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.