Recentralización e élites madrileñas

Outravolta xuntáronse os gobernos catalán e vasco (a primeira vez foi en decembro) para avaliar o implacábel proceso de recentralización desenvolvido por Rajoy desque chegou ao Goberno do Estado. E os seus voceiros chegaron dicir que o PP estaba a destruir o autogoberno deseñado nos Estatutos de Autonomía.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 22/03/2015

Comparte esta noticia
Rajoy  está a rematar unha  silente e trampulleira reforma constitucional, blindada pola absoluta parcialidade do árbitro, pois que un partido que desfruta de maioría absoluta nas dúas Cámaras estatais nomea ao seu xeito ao Tribunal Constitucional, como de feito fixo o PP nesta lexislatura.
 
Velaí a recentralización de contidos e o empoderamento do castelán no ensino da contrareforma educativa da LOMCE. A desmontaxe de moitos dos standares de calidade ambiental e control administrativo en beneficio dos consumidores da Lei de unidade de mercado ou a adopción da licenza deportiva única contra do criterio de case todo o mundo federativo galego. Xunto co desapoderamento dos concellos en beneficio dunhas Deputacións concibidas como ferramentas favorecedoras da privatización a prol de grandes grupos empresariais estatais e da igualación por abaixo dos servizos públicos locais. 
 
A recentralización ten claros gañadores e perdedores. Gañan as elites madrileñas no seu proceso de hexemonización da intermediación financeira, das concesións dos servizos públicos e do espazo comunicacional de todo o Estado, como ven de definir a xeito Suso de Toro nun seu recente artigo. E perden a calidade dos servizos públicos,  as empresas locais, nomeadamente as pemes e as posibilidades de espazos territoriais que tenten desenvolver con políticas de proximidade os intereses da cidadanía e dos consumidores, o desenvolvemento sostíbel e a saúde ambiental.
 
Galicia sofre este proceso moito máis ca Euskadi ou Catalunya, que posúen ferramentas empresariais, políticos e sociais que nós non temos. Galicia representa só o 5% do PIb e o 6% da poboación estatal e depende duns alicerces económicos que para o Estado son prescindíbeis. Velaiquí que os recurtes do seu autogoberno se traduzan de xeito directo en perda de tecido empresarial e de benestar para a súa cidadanía.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.