Manuel Jabois: “Todo o bo que me pasou na vida foi por achegar un vaso de viño á boca”

Así comezou a XXIV Feira do Viño de Valdeorras na praza barquense de Viloira, acto que contou coa presenza do Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, entre outras autoridades. Na súa intervención, o Presidente da D.O. sinalou que o ámbito vitivinícola "goza de boa saúde" e "encara o relevo xeracional" con iniciativas e apoio das administracións.

Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 10/07/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

No acto institucional de inauguración --sábado 8 de xullo-- o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos, eloxiou ao sector polo seu traballo e esforzo de cara a obter referencias dunha gran calidade. En opinión de Rodríguez Castellanos, que afronta a súa primeira feira do viño como máximo responsable do CRDO, o ámbito vitivinícola valdeorrés “goza de boa saúde” e, ademais, encara o desafío do seu “relevo xeracional” apoiado en iniciativas de diferentes administracións, entre as que salientou a nova aposta da Consellería de Educación da Xunta de Galicia por implantar un ciclo de FP Dual ligado á viticultura na comarca de Valdeorras.

Manuel Jabois na Feira do Viño de Valdeorras. Foto: Prensa CRDO Valdeorras.
Manuel Jabois na Feira do Viño de Valdeorras. Foto: Prensa CRDO Valdeorras.

O presidente do Consello Regulador realizou esta valoración tras o pregón inaugural do evento, que correu a cargo do escritor e xornalista Manuel Jabois, quen destacou que “todo o bo que me pasou na vida foi por levar un vaso de viño á boca”.

No acto participaron, ademais, o alcalde do Barco, Alfredo García; e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Este último afirmou durante a súa intervención no acto que “os brancos e tintos de Valdeorras hai que celebralos”. En representación da Deputación Provincial de Ourense interviu o deputado Álvaro Fernández. No acto tamén estiveron presentes o conselleiro do Medio Rural, José González, e o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, entre outras autoridades.

Ao longo da fin de semana, 8 e 9 de xullo, ademais das degustacións dos viños das adegas presentes, houbo ambientación musical, actividades para os máis pequenos, showcooking e unha cata popular.  

PREMIOS DA XXIV CATA OFICIAL

O Complexo Hostaleiro Paladium, emprazado en Vilamartín de Valdeorras, acolleu o pasado 7 de xullo o acto de entrega de Premios da XXIV Cata Oficial da Feira do Viño de Valdeorras, no que participaron 19 adegas que presentaron a concurso 38 referencias, 18 brancas,10 tintas e 10 doutras añadas.

Intervintes e premiados na Cata Oficial. Foto: Prensa CRDO Valderras.
Intervintes e premiados na Cata Oficial. Foto: Prensa CRDO Valderras.

Adegas e viños que resultaron distinguidas na XXIV edición da Cata:

Viños brancos

1º Premio- A Coroa Godello Produción Controlada de Adega A Coroa S.A.T.

2º Premio- Joaquín Rebodello Godello 2022 de Bodega Joaquín Rebolledo S.A.

3º Premio- Maruxa Godello 2022 de Virxe do Galir S.L.U.

Viños tintos

1º Premio- Cascanueces Mencía 2022 de Arnadoval S.L.

2º Premio- Sampayolo Mencía 2022 de Bodega Sampayolo S.L.

3º Premio- Joaquín Rebolledo Mencía 2022 de Bodega Joaquín Rebolledo S.A.

A mención especial para o mellor viño doutras añadas foi a parar ao Lagar do Cigur Crianza 2015 da Adega Melillas e Fillos S.L.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta