Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 10/08/2023 | Actualizada ás 19:40
Sanxenxo recibiu o pasado mes de xullo a 415.072 visitantes e 134.834 turistas, unhas cifras que supoñen un crecemento relevante respecto de xullo de 2022, concretamente dun 9,39 % e un 7,18 %, respectivamente.
Así o reflicten datos extraídos dun traballo encargado pola Mancomunidade do Salnés a Orange no que se aborda o comportamento real dos desprazamentos de turistas nacionais e internacionais ao municipio a través da análise do 'big data' e a xeolocalización do móbil. A presentación das cifras tivo lugar este xoves no Obradoiro de Hostalería do Salnés. O xerente da Mancomunidade, Ramón Guinarte, foi o encargado de expor os datos recolleitos sobre o municipio.
"Estes datos reflicten que Sanxenxo non é o motor turístico só de Galicia senón do norte de España superando cifras dun verán de marca como foi o ano pasado", asegurou. Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, Juan Deza, incidiu na importancia duns datos que "axudan a estratexia turística e a seguir cultivando bos datos".
DETALLE DOS DATOS
O estudo inclúe indicadores sobre a orixe e o comportamento dos visitantes e turistas durante a súa estancia ou áreas de pernoctacións, así como a duración das visitas. O tempo medio de estancia dos visitantes (persoas que non pasan a noite) foi de 4,07 horas e o total de visitas superaron os 1,6 millóns. En canto á procedencia, de orixe nacional destaca Pontevedra (152.667), A Coruña (53.547) ou Madrid (45.510) e de orixe internacional, Portugal (13.063), Francia (2.851) e Alemaña (1.845).
Respecto dos turistas, rexistráronse 587.080 pernoctacións e o tempo medio de estancia foi de 3,19 noites. En canto á procedencia, de orixe nacional, Madrid (21.118), A Coruña (18.681) e Pontevedra (13.868) e internacional, Portugal (6.640), Francia (866) e Alemaña (531). Hai tamén turistas de Arxentina, Bélxica, Estados Unidos e Irlanda.
INCREMENTO DA POBOACIÓN RESIDENTE
En canto á poboación, o estudo revela un dato que reafirma o incremento poboacional de Sanxenxo durante os meses estivais. En xullo, o municipio triplicou a cantidade de residentes, persoas que pasan a noite máis de 15 días, en comparación coa poboación rexistrada no padrón alcanzando unha poboación estable de 38.707 sen contar nesta cifra os visitantes rexistrados en xullo (415.072).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.