Galicia ten menos de 5 psicólogos por cada 100.000 habitantes, cifra "insuficiente", pois debería chegar aos 12

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, aproveitando a celebración este martes do Día Mundial da Saúde Mental, denuncia que a sanidade privada en Galicia conta co 75 % dos hospitais de saúde mental e o 58 % das camas, segundo os datos da Fundación IDIS.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 09/10/2023 | Actualizada ás 19:03

Comparte esta noticia

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) denunciou a "inequidade e dificultade no acceso" na atención á saúde mental en Galicia. Con motivo da celebración do Día Mundial da Saúde Mental este martes 10 de outubro (baixo o lema 'A saúde mental é un dereito universal'), o colexio trasladou a súa preocupación polas dificultades para facer efectivo o dereito a este tipo de atención entre a poboación galega.

"En Galicia non se cumpre o dereito humano de atender á saúde mental. Hai unha necesidade inmediata de apostar polos tratamentos psicolóxicos, dos que a súa eficacia está comprobada cientificamente e que teñen a capacidade de axudar ás persoas que sofren, tanto coa psicoloxía clínica como coa psicoloxía sanitaria. O dereito a unha atención dispoñible, accesible, digna e de calidade que reclama a OMS, é imprescindible para que a cidadanía galega goce dunha boa saúde mental, duns maiores índices de benestar e, por tanto, dun mellor estado de saúde xeral", argumentan.

Alertan de que ante o contexto social actual, "cunha elevada presión sobre as persoas" cunha sostida inflación e a consecuente subida dos custos da vida, ou as consecuencias psicolóxicas e de saúde da post-pandemia, poden "propiciar" un incremento do sufrimento e que se poida desenvolver un trastorno psicolóxico. Así, indican, a dificultade no acceso no sistema público, xunto coas listas de espera "que xa se están producindo nas axendas dos gabinetes privados, tanto de psicoloxía clínica como sanitaria", apuntan a que "o nivel de deterioración na saúde mental da poboación galega está a aumentar".

SAÚDE MENTAL NO SERGAS

O Colexio recoñece que o Plan de Saúde Mental que aprobou a Xunta de Galicia en 2020 supuxo unha "importante inxección de recursos", pero afirman que "non é suficiente" e que o actual modelo "non é útil" para o momento actual. A este respecto, piden "unha reflexión profunda e seria" sobre o modelo, con cuestións como a mellora da accesibilidade, a aposta real pola prevención, a oferta dunha resposta rápida, e ampliar a asistencia con intervencións grupais, entre outros.

Desde 2020, incorporáronse 45 novas prazas, "insuficientes". Advirten tamén do "evidente" desequilibrio entre áreas, desde os sete psicólogos e psicólogas por cada 100.000 habitantes na área de Ferrol ata os 3,98 en Pontevedra, "o que demostra unha grande iniquidade dentro da mesma comunidade".

"A situación de carestía previa fai que os recursos dispoñibles estean lonxe do mínimo esixible para que garantir o dereito de acceso á atención psicolóxica na rede pública". Estímase que ese mínimo se sitúa nos 12 psicólogos/as por cada 100.000 habitantes, mentres que a media galega apenas supera os 5, e en Pontevedra nin sequera chega a 4.

Esta infradotación de persoal, argumentan, tradúcese nuns tempos de espera "inasumibles" para unha atención á saúde mental que teña un mínimo de calidade e que pretenda ser eficaz. En certos dispositivos chégase a un ano de tempo de espera para a primeira consulta en poboación adulta, e o período entre consultas é "excesivo", sendo o máis habitual entre 3 e 5 meses, chegando aos 9 nalgún servizo. "Isto implica que é moi difícil poder realizar un tratamento psicolóxico que sexa eficaz, o que favorece a cronificación e mesmo o agravamento dos trastornos mentais", lamentan.

ATENCIÓN INFANTO-XUVENIL

No seu comunicado, afean tamén a atención á poboación infanto-xuvenil "polo impacto que teñen os trastornos mentais nesta etapa evolutiva e as necesidades específicas desta idade". "Compróbase que a asistencia é heteroxénea segundo as áreas sanitarias, con primeiras consultas en 4 ou 6 meses e consultas de seguimento cunha periodicidade moi superior á adecuada", denuncian.

Todo iso cando Galicia encabeza no conxunto do Estado o consumo de psicofármacos entre a poboación xeral: case 800.000 persoas tómanos a diario, é dicir, un terzo dos seus habitantes. Entre as reclamacións do colexio, está tamén a incorporación da psicoloxía en todos os centros educativos, que "sería a mellor maneira de previr trastornos de saúde mental na infancia e na adolescencia". Alertan de que máis de 20.000 nenos e nenas de menos de 15 anos toman psicofármacos para a ansiedade ou a depresión en Galicia, que é a autonomía con máis consumidores de ansiolíticos nesta franxa de idade de entre aquelas que ofrecen datos.

PSICOLOXÍA NA SANIDADE PRIVADA

Doutra banda, a Fundación IDIS sinalou que a sanidade privada en Galicia conta co 75 % dos hospitais de saúde mental e o 58 % das camas. Así o sinala o informe especial 'Aproximación á saúde mental en España', desenvolvido polo Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade (Fundación IDIS) que analiza a situación da saúde mental a nivel europeo e nacional e a achega que fai a sanidade privada neste campo. "En Galicia existen catro hospitais (o 75 % do total da comunidade) e 396 camas (58 % do total) dispoñibles para atender este tipo de trastornos", explica a directora xeral da Fundación IDIS, Marta Villanueva.

Cerebro
Cerebro | Fonte: UPF - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta