C.V. Padín: “Os anceios son gobernar Tui para facelo un referente de C21”

Converxencia C21 só se presentaba en dous concellos nestes comicios; en Santiago e en Tui. E no segundo acaba de dar a sorpresa. O seu líder destaca nesta entrevista o éxito da súa suba de votos, os obxectivos futuros desta formación e a futura relación con outras formacións como CxG.

Por Xurxo Salgado | Tui | 04/06/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Carlos Vázquez Padín é o presidente de Converxencia C21, un partido que naceu en 2009 e que se define como galeguista, europeísta, democrático, de centro reformista, liberal no social e no económico e aconfesional. 

Carlos V. Padín, líder de CXXI
Carlos V. Padín, líder de CXXI

Precisamente, con este ideario presentouse, novamente, ás eleccións municipais en Tui. Alí,  en 2011, conseguiu acta de concelleiro. Catro anos despois, non só repite, senón que conseguiu outra acta e situarse como terceira forza na corporación tudense con 1.159 votos, o 12,33% dos sufraxios.

Por iso, di, o seu gran reto é conseguir a ser a primeira forza en Tui para que o seu goberno sirva de exemplo e de trampolín para as ideas e o proxecto de C21 en Galicia. 

C21 converteuse a terceira forza política en Tui, con dous concelleiros. A que cres que se debe esta situación?

Foi un éxito moi importante, fomos a terceira forza no concello, a segunda na cidade e a primeira forza de ámbito galego no conxunto do concello, por riba do BNG. Coido que se debeu á combinación dunha maior notoriedade gañada nestes catro anos, un boa valoración, un bo prantexamento de campaña e unha serie de factores exóxenos que nos axudaron, como a crise de credibilidade dos grandes partidos e a falta de renovación nos partidos da dereita. 

Carlos Vázquez Padín, presidente de CXXI
Carlos Vázquez Padín, presidente de CXXI

Tamén hai que dicir que levamos o discurso liberal por bandeira en todo momento e os resultados demostran que iso non nos limitou. Neste momento o caso de éxito de C21 en Tui xa está sendo observado con respeito e certa admiración por liberais de todo o Estado. 

Entón cres que ten moito que ver os lideratos nunhas eleccións?

Nunhas eleccións locais as persoas contan moito, porque case todo o mundo se coñece e se es bastante coñecido e bastante ben valorado iso reflíctese no resultado, pero é moi difícil de determinar con precisión porque son moitos os pequenos detalles que inflúen na decisión de voto das persoas. Desde logo si que o podo afirmar respeito de persoas que formaron parte da nosa candidatura e que influíron moito no bo resultado acadado por C21 nas súas respectivas parroquias, é moi importante o contraste con aquelas parroquias onde non levabamos candidato. 

E vas entrar no complicado goberno tudense?

Que eu saiba aínda non está pechado, hai un escenario moi complexo e podería haber sorpresas, todo depende do señor Capón que é o que pode desequilibrar a balanza entre esquerda e dereita.

Quen vai entrar?

En principio todo apunta a un goberno de coalición liderado polo PSOE e do que tamén formarían parte BNG, Alternativa Tudense (Capón) e ST, este tetrapartito contaría co noso voto favorable na investidura. Se Capón virase á dereita nas súas preferencias de pacto estariamos perante un escenario imprevisible. 

E non cres que vai ser un Cristo o goberno de Tui a partir de agora?

Desde logo vai ser complicado, calquera alternativa de goberno pasa como mínimo por un tripartito e a opción que cobra máis forza neste momento é a dun tetrapartito.  En todo caso tamén é certo que o anterior goberno tiña unha maioría absoluta de nove concelleiros e a sua coordinación interna foi nula e o seu desempeño moi frouxo. 

Cales son entón os retos que tes agora por diante na oposición?

Facer unha oposición construtiva e responsable na defensa do noso ideario liberal para consolidar a catro anos vista unha alternativa sólida de goberno de cara ás eleccións do 2019. 

Falabamos antes de lideratos. E que lle pasa a C21 para que non acabe de arrincar?

En Galicia hai unha minoría moi significativa, de máis dun 10% da poboación,  que é liberal no económico, pero que non é liberal no que respeita ás liberdade civís e que non soe ser galeguista. Por tanto un partido liberal e galego como o noso ten dificultades en medrar porque non hai unha demanda social forte dun partido que defenda as ideas que nos defendemos, é evidente que o populismo de esquerdas vende moito máis, e isto terá sen dúbida consecuencias moi negativas no noso Pais, a pesar disto o caso de Tui demostra que con financiamento e exposición mediática podemos ter moito percorrido. Agora os anceios do partido están centrados en chegar a gobernar Tui e convertelo nunha experiencia de éxito que nos facilite a expansión a outros lugares. 

Pero realmente cres que ten futuro un partido liberal e galeguista en Galicia?

Non vai ser fácil, pero iso non nos vai levar a desistir de defender as ideas que levarían a Galicia polo camiño da prosperidade e da liberdade. 

E non pensas que o voso espazo igual o pode ocupar partidos como CxG?

Felicitei a Rafa Cuiña polo seu extraordinario resultado en Lalín do que me congratulo, pero non deixa de ser verdade que CxG é un partido socialdemócrata e que colaborou coa estrema esquerda das mareas nalgunhas cidades, gustaríanos que CxG se puidese transformar nun partido social-liberal e ai podería haber espazo de confluencia, pero mentres tanto pensar que CxG ocupa o noso espazo equivale a pensar que é o BNG quen o ocupa. CxG segue sendo moito máis parecido ao BNG que a C21. 

Hai posibilidade de chegar a acordos con este partido?

Se renuncian á pesada bagaxe dunha vida no BNG con todo o que iso implica e se mostran dispostos a modificar o seu discurso cara un espazo social-liberal podería haber posibilidades de confluencia. En todo caso calquera posibilidade de acordo pasa pola redacción dun programa marco social-liberal que coido que non sería facilmente aceptable para eles. A título anecdótico, podo dicir que un afiliado de CxG en Tui co que teño unha excelente relación persoal confesoume que votou ao BNG do que se sentía moito máis próximo, e ese é o problema. CxG é unha escisión do BNG que aínda non foi capaz de romper ideolóxicamente coa casa matriz. 

Cales son, entón, os retos que ten, agora por diante, Converxencia?

Crear un núcleo cada vez máis forte en Tui que nos permita gobernar nun futuro cercano e continuar traballando sen presa pero sen pausa no resto de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

5 Dingo

Cáeme ben Padín. É un home intelixente. Espero que teña futuro. Nada que ver con CxG, que hoxe non é máis que o partido da familia Cuiña que só obtivo certo éxito en Lalín, e para iso presentándose con outro nome xunto coa vella garda do PP máis caciquil E agora gobernará con toda a extrema esquerda para pechar o círculo

4 seleno

CxG tem o problema que nao sabe cimentar a sua maioria scialdemocrata e a sua meia_minoria social_liberal , aí a questao ..

3 Roi Xordo

Endexamais unha forza tan irrelevante foi tan relevante na prensa. Abraiante.

1 epifanio

Aínda bem que temos ao "neoliberalismo" contra as cordas. Já só nom morreu de todo polo seu "poder mediático".... XD

2 O Príncipe dos Mouros

En CxG non se enteran de nada... Non se dan conta que teñen que ofrecer algo substancialmente distinto do que ofrece o BNG? O votante de CxG busca en Compromiso o que non atopa no BNG (ou o que non acepta con respecto a este, como é o meu caso).

1 calabobos

Buongiorno Principessa!

1 liberado liberal liberalista

Padín, tiñas que presentarte por Alcoi, porque tes máis moral...¡¡, se nesta coxuntura CXXI non arranca mellor adicarse a outra cousa.