BNG e PSdeG reclaman á Xunta medidas para afrontar o cambio climático no litoral

Na súa quenda, o socialista Julio Abalde apuntou igualmente á "realidade que o cambio climático vai producir", en alusión ao "cambio importante nas costas"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2025 | Actualizada ás 15:46

Comparte esta noticia

O BNG esixiu medidas para afrontar o impacto do cambio climático nas edificacións e nos ecosistemas da costa galega, petición á que o PP respondeu asegurando que "xa se está avanzando" nelas.

Foi na comisión institucional do Parlamento, onde os nacionalistas defenderon unha iniciativa --tombada polo rexeitamento dos populares, pero que si contou co apoio do PSdeG-- que, entre outras cuestións, requiría á Xunta un informe en seis meses sobre as 4.000 edificacións "que estarían en risco e que serían regularizadas" no litoral galego.

O deputado do Bloque Luís Bará dixo descoñecer "que teñen previsto facer" os populares "agora que van asumir as competencias do litoral" e preguntouse "que sentido ten" que algunhas delas queden nesa localización "se despois duns anos desaparecerán", polos efectos do cambio climático e o aumento do nivel do mar.

Na súa quenda, o socialista Julio Abalde apuntou igualmente á "realidade que o cambio climático vai producir", en alusión ao "cambio importante nas costas". "É o momento en que a Xunta ten a oportunidade de facer unha planificación desde o inicio, que faga ese estudo e vexa aquelas infraestruturas, cales é necesraio que estean nesa zona e cales son susceptibles de ser trasladadas. Require un estudo caso por caso", expuxo.

"BÁGOAS DE EMOCIÓN"

Pola súa banda, o popular Gonzalo Trenor comezou a súa intervención ironizando con que lle ían "a caer bágoas de emoción despois de tantos anos defendendo dunha forma tan soa esta lei", pola do litoral.

No marco das competencias sobre o litoral, a lei recolle a "determinación do grao de resiliencia na costa ante os riscos do cambio climático", segundo subliñou. Así, asegurou que "xa está contemplado na lei a realización de estudos que permitirán considerar os riscos asociados para os efectos do cambio climático".

"A Xunta está a traballar, desde que se aprobou a lei xa conta cunha folla de ruta, un cronograma de actuacións para que se perciba desde o minuto 1 ese cambio de xestión do litoral", agregou. En resumo, dixo que "xa se está avanzando" no que a oposición estaba a sinalar "e benvidos a querer xestionar ben o litoral".

O deputado do BNG Luis Bará, en rolda de prensa.
O deputado do BNG Luis Bará, en rolda de prensa. | Fonte: Europa Press

RECONVERSIÓN PLANTA DE LOUSAME

O PP votou en contra dunha iniciativa do BNG, apoiada polo PSdeG, para pedir á Xunta que atenda a proposta do comité de empresa da mancomunidade Serra do Barbanza e participe "activamente" na creación e desenvolvemento dunha mesa de traballo para modernizar e reconverter a planta de residuos de Lousame.

Na súa quenda, o deputado popular Gonzalo Trenor criticou o modelo desta planta e confrontouno co do "gran éxito" de Sogama, á súa vez censurado por Bloque e PSOE galego polo que implica de incineración.

En concreto, a deputada nacionalista Rosana Pérez advertiu de que "a Xunta non pode seguir mirando para outro lado" mentres "Sogama mantén a Galicia á cola da reciclaxe e enmárcase nun modelo antiecológico como é a incineración".

"Pensamos que a planta de Servia segue tendo potencialidade e pode ser un modelo de referencia como xa o foi. A xunta debe atender a proposta do comité de empresa e involucrarse na mesa de traballo para modernizar a planta", destacou.

Por parte do PSdeG, Paloma Castro sinalou que, "a pesar da mala prensa por parte do PP", é "urxente e imprescindible que a Xunta dea un paso adiante e cre esa mesa de traballo para modernizar a planta" de Lousame.

Con todo, Trenor ofreceu datos sobre o nivel de reciclaxe de Sogama e fixo fincapé en que os municipios acoden a esta planta "libremente". En Lousame, segundo reprobou, "nunca puideron comercializar" o compós polas obrigacións legais e "ademais é máis caro".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta