"Que nos chame a TVG ou montar algo propio, o que pase primeiro"

Páramo Pictures é un dos grandes éxitos recentes das Internet en Galega. Vídeos como as súas versións paródicas de Miley Cyrus ou Enrique Iglesias van camiño do millón de visualizacións. Nesta entrevista con Iván Capón, un dos fundadores, descubrimos algunhas das claves da súa andaina e os seus plans de futuro.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 07/06/2015 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

Como naceu a idea de montar Páramo Pictures e comezar a filmar parodias en galego de vídeos musicais?

Iván Capón
Iván Capón

De momento Páramo Pictures é soamente un nome para que nos recoñezan. O nome ven de que a miña muller, un dos fundadores, é do Páramo e alí gravamos o primeiro vídeo "Vou Estalar". A idea naceu un día tomando un café co noso amigo Daniel Moreiras, cantante da orquestra Costa Dorada que daquela estaba na orquestra Noche de Gala, Tiña que cantar o hit do momento que era o Gamnan Style. Unha compañeira súa convenceuno para que fixera unha letra en galego. En canto nos ensinou a letra ocorréuseme facer un vídeo. Ó día seguinte gravamos a música e en un par de días, gracias a María a miña muller que se encargou do tema da produción e algúns familiares e amigos, saíu o noso primeiro éxito.

A Bertolina leva 1,6 millóns de visualizacións no Youtube, o Fertimón anda polas 714.000. Esperábanse tal éxito? Que factores cre que explican a súa enorme popularidade?

Se o souberamos faríamos un cada semana. Eses dous vídeos gustaron moito. Creo que ten moito que ver a canción orixinal, se non gusta a música a xente non a vai compartir e non a van a pinchar nos pubs. Por iso sempre tratamos de coidar, coas nosas limitacións, que a música sone o mellor posible. Despois é cuestión de pasalo ben facendo o vídeo, que é algo que o espectador nota tamén.

A súa canle no Youtube suma máis de 3,3 millóns de reproducións e 10.700 subscritores. Con tal volume de audiencia, reciben algún tipo de ingreso de Youtube? Barallaron algunha vez profesionalizar esta aventura audiovisual?

Iván Caloto como Ramón, o pasaino protagonista dos vídeos de Páramo Pictures
Iván Caloto como Ramón, o pasaino protagonista dos vídeos de Páramo Pictures

Algo imos sacando, o que pasa é que ó non ter os dereitos da música na maioría dos vídeos, non obtemos ingresos en todos eles. Danos para gastos de desprazamentos e comidas e pouco máis. O tema de profesionalizarnos, si que o temos pensado, pero de momento temos traballo  e non temos tempo. Andamos agardando a que nos chamen da TVG ou a quedarnos no paro e montar algo, o que pase primeiro.

Canto tempo invisten en cada un das parodias de vídeos musicais? E diñeiro? Tiveron que abonar dereitos de autor por facer as versións de temas tan populares?

O tempo soe ser de cinco días, un día para gravar o audio, dous para gravar o vídeo e outros dous de edición. Se non tiveramos outra cousa que facer, fariámolo en tres días sobradamente, pero así sería un traballo e perderíase a maxia. Iso si, nos vídeos musicais sempre collemos de algún sitio a base musical. Na úlitma parodia, a Pale Tilla, chamamos a uns DJs,  Sueiro & Chis,  para que nos fixeran a música porque se non levaríanos moitísimo máis tempo. Diñeiro investimos pouco. O que gastamos en desprazamentos e comida e bebida. Dereitos de autor non pagamos ningún. Non sabemos como está o tema legal a ese respecto, pero de momento o canal segue aberto.

Despois do éxito dos vídeos musicais, lanzaron unha web serie, Veciños, sobre as aventuras provocadas polo constraste entre un mozo galeguista e urbanita e Ramón, un paisano do rural. Como está a funcionar?

Ben, antes que nada hai que dicir que as personaxes da serie, aínda que doadamente recoñecibles, son esaxeradas ata o límite para crear a comedia. Ramón é un paisano de aldea egoísta, machista, hipócrita, tenas todas. E Berto, é un mozo galeguista ata o extremo, pacifista e un pouco pedante. Son dúas personaxes que igual non caerían ben se as coñeceramos por separado.

Cre que nas cidades de Galicia segue a mirarse as aldeas por riba do ombreiro, como se fosen algo atrasado?

Eu creo que o de mirar por riba do ombreiro por parte dos da cidade vai indo a menos pero nunca se vai erradicar por completo, porque de que nos íamos rir entón?

Ademais de en Veciños, en que anda a traballar Páramo Pictures? Que proxectos futuro? Algún vídeo paródico máis?

Non proxectamos nada. Quitando a parodia do video de Enrique Iglesias, que estivemos agardando meses con impaciencia, o resto das nosas producións planéase e execútase en unha semana ou nunha tarde, como o noso último vídeo no que nos presentabamos á alcaldía de Lugo. Igual nos presentamos ás Xerais  tamén, según nos dea.

En que quedou a súa colaboración co Land Rover de Roberto Villar na TVG?

A colaboración quedou no que se viu no programa e nada mais. Díxonos de ir a pasar un rato divertido e pasámolo como facemos sempre. Resultou interesante para nos participar nun proxecto profesional con dous dos mellores humoristas galegos. Tomamos moitos valiosos apuntes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta