Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 27/10/2023 | Actualizada ás 19:52
A nai do alumno que faleceu o 26 de outubro de 2022 ao derrubarse un tabique dun dos vestiarios do pavillón do IES Julio Prieto Nespereira de Ourense lamentou, a través de redes sociais, que un ano despois nada cambiou.
A nai do menor publicou nas últimas horas unha mensaxe nas súas redes sociais na que lembra o suceso e explica que pretendía contratar un valo fronte a outro centro educativo ourensán, no que actualmente traballa a empresa que construíu o muro do instituto no que estudaba o seu fillo. A intención de tal contrato era, segundo esgrime a nai nas súas redes, que o seu fillo "puidese durante un tempo mirar directamente ás persoas que provocaron esta desgraza".
Segundo relata na mensaxe da súa conta de Facebook, non tivo problema para que lle reservasen o valo, pero ao mandar a mensaxe que pretendía pór, a empresa "negouse a realizar o traballo". "Non puido ser, supoño que o medo, a covardía e a maldade están detrás desta decisión", di a ourensá, cuxa intención era instalar o valo á mesma hora á que faleceu o seu fillo hai un ano.
En concreto, a muller quería colocar unha mensaxe acróstico creada a partir do nome do seu fillo mediante seis puntos nos que relata que o menor perdeu a vida nun instituto "público dun barrio periférico e obreiro", e lamenta que "nada cambiou, o mesmo conselleiro segue na mesma cadeira e a Consellería asinando contratos coa mesma empresa".
"Unha soa cousa non é igual, Manuel quedou sen futuro, nós sen o seu sorriso, sen a súa voz, sen esperanza e sen medo", reza a mensaxe, na que pide ás familias que "loiten" pola seguridade dos seus fillos nos centros educativos. "Só nós podemos protexelos dos que toman as decisións que os matan", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.