Acordo entre a louseira Irosa-Samaca e os comuneiros para garantir os empregos e anulando o desafiuzamento

Os comuneiros acudiron aos tribunais logrando a sentenza de desafiuzamento que se materializaba esta mañá e finalizaba esta tarde.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2023 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

A louseira de Valdeorras Irosa-Samaca e a comunidade de montes de Portela e Trigal chegaron a un acordo ante notario que deixou sen efecto o desafiuzamento materializado na mañá deste mesmo mércores pola secretaria do Xulgado de Instrución número 2 do Barco de Valdeorras. O acordo mantén os postos de traballo.

O alzamento dos bens da louseira produciuse ao redor das 10,00 horas e durou pouco máis de cinco horas porque tras unha reunión mantida ante notario tanto a louseira como os comuneiros chegaron ao acordo que permitiu aos traballadores regresar aos seus postos e que contempla o arrendamento das parcelas durante outros 11 anos.

O conflito remóntase a xaneiro do 2015, data na que debían renovar o contrato de arrendamento das parcelas entre os comuneiros e a empresa, pero as condicións non eran asumibles para o grupo empresarial, xa que entre outros puntos elevaba de forma considerable a renda.

Os comuneiros acudiron aos tribunais logrando a sentenza de desafiuzamento que se materializaba esta mañá e finalizaba esta tarde.

FALLO XUDICIAL FAVORABLE AOS COMUNEIROS

A maiores, a empresa reclamou a expropiación dos terreos conseguindo a autorización da Xunta de Galicia, que recorreron os comuneiros. Na pasada xornada transcendeu que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fallaba a favor da comunidade de montes, anulando a resolución do Executivo autonómico que declaraba a utilidade pública e o interese social para os establecementos de beneficio do grupo.

Á marxe da sentenza, o pasado 14 de novembro a empresa e os comuneiros xa chegaran a un acordo co que se puña fin ao litixio pola propiedade do chan, que impedía a actividade empresarial.

Para alcanzar ese acordo que daba continuidade aos case 300 postos de traballo da empresa foron necesarias catro reunións. Na primeira, celebrada a mediados de setembro, houbo unha toma de contacto e un achegamento de posicións; no tres seguintes avanzouse progresivamente ata chegar ao preacordo do 10 de novembro, no que xa se garantía a permanencia dos postos de traballo.

Pero o día 14, tras unha reunión entre a directiva da empresa e os comuneiros, realizouse a firma coa que se oficializaba. Ese acordo asinábase co compromiso que ningunha das dúas partes puidese recorrer as sentenzas, saíse favorable para quen saíse, e co compromiso de que se o TSXG daba a razón aos comuneiros, a empresa podería alugar o chan durante os próximos 11 anos, prorrogables para a actividade, mentres que se a sentenza era favorable para Irosa-Samaca esta podería traballar indefinidamente. No entanto, este martes os comuneiros romperon ese acordo.

ABANDONO DAS NAVES ÁS 10,00 HORAS

Así pois, ás 10,00 horas deste mércores traballadores abandonaron as naves de produción do grupo louseiro de forma pacífica, aínda que coa incerteza de se habería finalmente acordo ante notario, aínda que todo parecía apuntar que si porque o precinto das naves realizouse cunha cadea e non co cambio de fechadura.

Finalmente, tras a extensa reunión, na que segundo fontes sindicais houbo "discrepancias", os representantes de ambas as partes abandonaron o despacho notarial ao redor das 15,00 horas, asegurando os postos de traballo e pondo fin ao litixio.

EVITAR O PECHE

Con respecto ao acordo alcanzado, as partes discrepan nalgúns puntos. Así, os comuneiros defenden que o acordo non se alterou, mentres que desde os sindicatos defenden que o grupo louseiro "tivo que aceptar esixencias diferentes" ás expostas o pasado día 14, sen entrar en máis detalles.

"Fomos atrasando as cousas e ao final, como xa era inevitable o alzamento, asinamos todo aquilo que nos pediron", esgrime o presidente do grupo louseiro, Rogelio López, que cre que "foi necesario" para evitar o peche e para que "os traballadores non tivesen que soportar a intervención das forzas da orde pública".

Así as cousas, puxeron fin á problemática e devolveron as chaves para poder regresar ás naves onde os traballadores realizaron a súa xornada laboral vespertina, esperando pola parte empresarial para abrir a única zona da nave que fora desafiuzada xa no mes de setembro.

"Contentos polo conseguido, decepcionados polas formas", resumo desde os sindicatos desde onde lamentan que os comuneiros rompesen o acordo previo, pero conclúen que "o principal era salvar os postos de traballo e iso conseguiuse".

Louseira Samaca
Louseira Samaca | Fonte: Samaca

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta