Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 13/06/2025 | Actualizada ás 18:26
A Xunta emitiu unha declaración de impacto ambiental (DIA) favorable á instalación dunha nova planta de fundición de chatarra de aluminio no concello de Coirós. Con todo, o proxecto estará condicionado a que se cumpran tanto o recolleito no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación presentada polo promotor, como os condicionantes e o programa de vixilancia ambiental que figuran na propia declaración. Segundo consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, da que informou a propia Xunta este venres, a iniciativa, promovida por Aluminios Cortizo SA e que se localizará no centro xestor de residuos non perigosos que ten actualmente a empresa no parque empresarial de Pedra Partida, é ambientalmente viable.
Neste sentido, o Executivo autonómico sinalou que a DIA foi elaborada no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental común do proxecto, un trámite durante o que a declaración e a autorización ambiental integrada foron tramitadas conxuntamente. A Xunta explicou que, ao mesmo tempo, a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, cun resultado de 10 organismos e entidades consultados. Froito das consultas realizadas, a maioría dos informes sectoriais emitidos realizaron a valoración correspondente e estableceron unha serie de condicións que se engaden ás incluídas no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sustentabilidade.
Neste sentido, a Xunta precisou que os organismos consultados consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos ámbitos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nolos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; augas e leitos fluviais; chan e infraestruturas; xestión de residuos; patrimonio natural e integración paisaxística, entre outros. Unha vez emitida esta declaración, que non exime ao promotor do deber de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente esixibles para poder desenvolver o proxecto, remitirase a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería.
O ámbito de análise desta DIA son as accións incluídas no proxecto de Cortizo para pór en marcha unha planta de fundición de chatarra de aluminio no parque empresarial de Coirós, consistente na modificación da ampliación da capacidade máxima de tratamento da fase de trituración e fragmentación do centro de valorización xa existente e que servirá como paso previo á fusión da chatarra. O departamento autonómico sinalou que a intención do promotor é realizar unha serie de modificacións no proceso que viña levando a cabo nestas instalacións, o que obrigou a someter o proxecto a autorización ambiental común, aínda que non será precisa a construción de novas edificacións nin a ampliación das existentes. A planta de fundición prevista implicará a instalación dos equipamentos necesarios para modificar o procedemento de pretratamIento mecánico da chatarra e terá unha capacidade de fusión de 396 toneladas diarias.
IMPORTANCIA DA DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL
A Xunta destacou que o obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cesamento ou desmantelamento das distintas iniciativas. Así, apunta que calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que maneira se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro. A Xunta sostén que se trata do trámite do máis esixente como demostra o feito de que a maioría das declaracións ambientais favorables emitidas pola Administración autonómica inclúen condicionantes xerais e particulares así como un plan de vixilancia que é de aplicación ao proxecto e cuxo seguimento corresponde ao órgano substantivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.