Investigadores da USC participan no novo informe global sobre a urxencia climática: "Non é posible seguir como ata agora"

"Agora que o quecemento global vai camiño de superar os 1,5 graos, é probable que se desencadeen cando menos cinco puntos de inflexión nos sistemas terrestres", advirte o informe, e pon como exemplo o colapso das grandes capas de xeo e a mortalidade masiva dos arrecifes de coral de augas cálidas, existindo tamén o risco dunha "perda catastrófica a escala mundial da capacidade de produción de cultivos básicos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2023 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia

Máis de 200 investigadores e científicos, entre eles o profesor Sebastián Villadante e o investigador José Antonio Sanabria-Fernández, da USC, participan no 'Informe Mundial sobre os Puntos de Inflexión', un documento que afirma que a humanidade se atopa nunha "traxectoria desastrosa" que require "unha acción global de emerxencia" para conseguir un "futuro próspero e sustentable".

O informe, coordinado polo profesor Tim Lenton, da Universidade de Exeter (Reino Unido), e que se poderá baixar de https://global-tipping-points.org, preséntase como a avaliación máis completa xamais realizada sobre os puntos de inflexión do planeta. As súas conclusións déronse a coñecer este mércores na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático de 2023 (COP28).

O documento foi elaborado por un equipo internacional en colaboración con Bezos Earth Fund, e nas súas páxinas afírmase que a actual gobernación mundial é inadecuada para a magnitude do reto que supón o cambio climático global, ante o que formula seis recomendacións crave "para cambiar de rumbo rapidamente, incluída a acción coordinada para desencadear puntos de inflexión positivos".

As seis recomendacións crave son: eliminar progresivamente os combustibles fósiles e as emisións derivadas do uso da terra, deténdoas moito antes de 2050; reforzar a adaptación e a gobernación de "perdas e danos", recoñecendo a desigualdade entre nacións e dentro delas; incluír os puntos de inflexión no Global Stocktake (o "inventario" climático mundial) e nos esforzos de cada país para facerlle fronte ao cambio climático; coordinar os esforzos políticos para desencadear puntos de inflexión positivos; convocar un cume mundial urxente sobre os puntos de inflexión e profundar no coñecemento dos puntos de inflexión.

Un punto de inflexión, segundo o informe, prodúcese cando un pequeno cambio desencadea unha transformación frecuentemente rápida e irreversible, e os seus efectos poden ser positivos ou negativos. Baseándose nunha avaliación de 26 puntos de inflexión negativos do sistema terrestre, o informe conclúe que xa non é posible "seguir como ata agora", pois xa se están producindo cambios rápidos na natureza e nas sociedades.

"Agora que o quecemento global vai camiño de superar os 1,5 graos, é probable que se desencadeen cando menos cinco puntos de inflexión nos sistemas terrestres", advirte o informe, e pon como exemplo o colapso das grandes capas de xeo e a mortalidade masiva dos arrecifes de coral de augas cálidas, existindo tamén o risco dunha "perda catastrófica a escala mundial da capacidade de produción de cultivos básicos".

Investigadores da USC estudan en Groenlandia os cambios climáticos que se experimentan na zona
Investigadores da USC estudan en Groenlandia os cambios climáticos que se experimentan na zona | Fonte: USC - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta